Zona Franca realizará un plan estratéxico de Arousa e O Salnés e para iso asinou un convenio cos concellos de Vilagarcía, Cambados, O Grove, Meaño, Ribadumia, A Illa de Arousa e Meis. O plan incluirá un diagnóstico territorial, obxectivos estratéxicos e unha folla de ruta para a mellora da competitividade económica, a calidade de vida e a creación de emprego en cada un deles e a súa comarca.
O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca, David Regades, asinou o documento cos alcaldes no Grove e explicou que "os concellos contarán cun plan operativo detallado, específico e realista de accións, actuacións e instrumentos para que se poña en marcha e os cidadáns poidan comprobalo".
Para o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, "o protocolo asinado con Zona Franca supón unha oportunidade para afinar os obxectivos de posibles novas especializacións económicas locais e comarcais".
A alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, explicou que "as posibilidades que se abren para Cambados coa firma deste convenio son incuestionables. O apoio do Consorcio da Zona Franca ao Salnés é un fito histórico que marcará a historia da nosa comarca".
O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, sinalou que "é necesaria unha avaliación da situación, analizar os sectores económicos dos nosos pobos, valorar novas oportunidades e con todo iso, a través do plan estratéxico, marcar o rumbo dos próximos anos, para poder aproveitar o financiamento que poida vir e optimizar investimentos".
O alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, engadiu que "permitirá establecer as directrices e definir as actuacións específicas que impulsen o crecemento socioeconómico do concello e facilitar a transformación e o cambio cara a retos futuros que melloren a calidade de vida das veciñas e veciños de Meaño", concluíu.
O alcalde de Ribadumia, Carlos Castro, explicou que "este acordo supón crear unha folla de ruta para o desenvolvemento e a dinamización económica e, por tanto, social do noso concello".
O alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, declarou que "por primeira vez, con David Regades á fronte, Zona Franca interésase polos concellos fóra de Vigo e podemos coñecer a institución".
A alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, asegurou que "para Meis ábrese unha porta moi importante".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.