O Pontevedra mira cara arriba ao gañar en Burgos (0-1)
Por Redacción
Crecendo desde unha defensa sólida. O Pontevedra mira con optimismo cara arriba tras gañar no Plantío ao Burgos e sumar o cuarto partido consecutivo sen encaixar. Un gol de Pedro Vázquez na primeira metade sentenciou un partido no que os granates foron mellores no primeiro tempo e aguantaron o asedio local no segundo, a pesar de ter que xogar o últimos nove minutos (5 máis 4 de desconto) en inferioridade por expulsión de David Castro.
O nivel defensivo exhibido polo Pontevedra foi a clave. Intensos, ben situados, presionando ao rival, con Campillo e Churre en plan mandón, ben secundados por todo o bloque, tanto que a pesar dos intentos locais e ao dominio burgalés na recta final, Edu Sousa practicamente non tivo que intervir en accións complicadas.
Nova volta de "tuerca" de Luismi á formulación dos seus, apostando nesta ocasión por xogar cun sistema 3-4-1-2, no que Campillo, Churre e Adrián León formaban a liña de tres centrais, deixando as bandas para Nacho López e David Castro, con Kevin Presa e Berrocal por dentro, deixando a Romay como enganche e Pedro Vázquez de compañeiro de Arruabarrena, como xogadores máis avanzados.
O obxectivo do técnico granate, como anunciara, parecía claro, buscar a firmeza atrás para xogar coa ansiedade que puidese sentir o equipo local, e esperar a oportunidade de facer dano, Máximo respecto, por tanto, a un equipo que conta con homes importantes na categoría, pero que ata o momento están a render moi por baixo do esperado pola afección burgalesa.
Con esa posta en escena o Pontevedra conseguiu o que quería. A súa defensa, adiantada, e a forte presión exercida sobre a saída de balón do rival, deron pronto froitos, primeiro facendo que o Burgos sentise incómodo e con iso provocando que a bancada local, esixente cos seus, comezase a deixar constancia do seu malestar co equipo.
Así estaban as cousas, cos granates avisando nas súas aproximacións e Edu sen pasar apuros, cando o equipo galego, que saíu ambicioso e sempre ben posicionado, obtivo premio ao seu mellor comezo. Mediado o período, Pedro Vázquez, moi activo, vaise de Acosta dentro da área, e bate a Saizar.
Non cambiou a súa aposta o Pontevedra, que puido conseguir o segundo aproveitando un erro defensivo de Borda, que tivo que corrixir Saizar saíndo para despexar de cabeza fóra da súa área.
O Burgos non deu sinais de perigo ata superada a media hora. Fíxoo cun centro de Adrián Cruz que deixou pasar Diego Cervero, pero ao que non chegou por pouco Yaw Annor, quen tampouco puido aproveitar un tropezo de Campillo, mandando o balón lonxe da portería de Edu.
Julio Rico sería o protagonista do único disparo burgalés entre os tres paus, no minuto 39, tras irse de David Castro. O seu remate desde a frontal rozou en Churre e foise ás mans do meta visitante.
Pedro Vázquez respondía cun remate de Pedro Vázquez, que neutralizou Saizar. Foi o que deu de si un primeiro tempo no que o Pontevedra foi superior, sempre ben plantado no campo, aínda que deixando o partido aberto para a continuación.
O comezo do segundo tempo puido deixar sentenciado o choque. Adrián León quedou en vestiarios, pasando David Castro á posición de central, entrando para a banda Álex González, e unha acción do recentemente incorporado terminou co balón rexeitado polo poste da portería local.
Obrigado a arriscar, o técnico local deu entrada a Héctor Figueroa para acompañar a Diego Cervero, o que lle permitiu gañar metros e ter máis o balón. Adrián Cruz avisou no minuto 57, cun disparo afastado que saíu xunto ao pau e pouco máis tarde fíxoo Cervero, aínda que con pouco ángulo, saíndo o seu tiro moi cruzado.
Luismi reaccionou dando entrada a Mouriño, nun intento de poboar o centro do campo e recuperar o control do xogo, ata que chegou a acción que puido dar a tranquilidade aos galegos, cun balón despexado pola zaga burgalesa dentro da súa área de castigo, tras dar na man dun defensor. O que pareceu un claro penalti, o colexiado non o interpretou como punible.
Desde ese momento o Burgos exerceu un dominio tan intenso do balón como improductivo, limitándose a acumular pases e máis pases en horizontal, sen a máis mínima profundidade, ante un Pontevedra intratable en defensa, que soubo aguantar e manter a súa mínima vantaxe, a pesar de ter que xogar o últimos cinco minutos, máis o desconto, en inferioridade numérica pola expulsión de David Castro.
BURGOS CF (0): Saizar; Julio Rico, Cantero, Acosta, Undabarrena (Héctor Figueroa, minuto 54), Borda, Yaw Annor, Jagoba (Chevi, minuto 69), Diego Cervero, Adrián Cruz e Madrazo (Goti, minuto 61).
PONTEVEDRA CF (1): Edu; Nacho López, David Castro, Campillo, Adrián León (Álex González, minuto 46), Churre, Romay, Kevin Presa, Berrocal (Jesús, minuto 82), Pedro Vázquez (Mouriño, minuto 62) e Arruabarrena.
Árbitro: Josué Barrera Santana (Tenerife), auxiliado nas bandas por Adrián San Antonio Pinto e Iván Pérez Alameda. Expulsou por dobre amoestación aos xogadores do Pontevedra David Castro (minuto 85) e Adrián León, este estando no banco (minuto 89). Amoestou a Nacho López, no Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 24: Pedro Vázquez.
Incidencias: Estadio Municipal do Plantío (Burgos). Uns 2.500 espectadores.
Relacionadas:
-
Plácida vitoria do Pontevedra ante un inocente Salamanca CF (2-0)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
O Pontevedra, a prolongar o seu bo momento na visita do Salamanca CF
Por Diego Espiño |
-
A praga de baixas chega tamén ao Salamanca CF, próximo rival do Pontevedra
Por Redacción |
-
Máis problemas para o Pontevedra: Romay lesionado e Competición non perdoa a David Castro
Por Diego Espiño |
-
Burgos marca o obxectivo do Pontevedra de continuar a escalada
Por Ramiro Espiño |
-
Álex Fernández, ante a súa lesión: "Son días jodidos. Solo tengo ganas de empezar la recuperación"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra e Ponferradina ofrecen un partido grande aínda que con escasas oportunidades de gol (0-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |