Plácida vitoria do Pontevedra ante un inocente Salamanca CF (2-0)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Segue en liña ascendente o Pontevedra Club de Fútbol, que este domingo conseguiu unha plácida vitoria ante o Salamanca CF en Pasarón para empezar a mirar cara á zona alta da táboa. Os granates suman a súa quinta xornada sen perder e sen encaixar.
Comezou o encontro disputado, cun equipo visitante que tentaba non conceder facilidades (presentábase como o máis goleado da categoría) e sorprender con rapidez nas súas saídas. Así chegou o seu primeiro aviso, nunha subida Iván Calero polo costado dereito servindo un balón ao momento de penalti que Manu Molina non aproveitou no seu remate cando tiña todo a favor.
Faltáballe fluidez aos granates nos primeiros minutos, pero tentaban gañar metros e ter maior presenza ofensiva. Apenas iso sucedeu caeu o primeiro tanto, nun erro garrafal do gardameta salmantino, Alcolea, que fixo saltar polo aire a formulación do seu adestrador, Antonio Calderón. O esférico circulou desde a banda dereita á frontal da área, onde esperaba Kevin para soltar un disparo sen aparente perigo que escapou das mans do porteiro para coarse no fondo da rede.
Co gol o Pontevedra desposuíuse dos nervios iniciais e comezou a dominar con maior claridade. Desta forma puido ampliar a súa vantaxe con lanzamento de Pedro Vázquez que marchou alto, pero inmediatamente despois, no 24, Arruabarrena si aproveitou un bo servizo de Álex González desde a esquerda para bater por baixo a Alcolea e colocar o 2-0 no luminoso.
Con moi pouco os de Luismi encarrilaran o choque, entrando nunha fase de control co obxectivo de impedir a reacción visitante. Iso provocou que ata o descanso apenas sucedesen cousas, cun Salamanca golpeado seriamente no seu ánimo vendo como a súa situación en liga complicábase aínda máis.
O certo é que a tónica se mantivo nun segundo tempo con pouco xogo. O Pontevedra tirou de orde para arrefriar o encontro e que os minutos fosen pasando.
O tempo corría a favor dos locais, cun bloque salmantino que evidenciou falta de reacción e apenas inquieto a Edu Sousa. O que si puido chegar foi o 3-0 nunha acción de Arruabarrena que cedeu a Álex González xutando este cruzado e atopándose co pé de Alcolea para evitar a sentenza. Non o pagaron os granates, que seguiron sen pasar apuros ata o final, un tramo de encontro no que o peor foi a lesión de Churre no brazo, cunha posible luxación de cóbado tras unha mala caída, que obrigou a Luismi a retiralo do terreo de xogo.
Ao final, cómodo triunfo dun Pontevedra que ascende así á sexta posición da táboa con 16 puntos e que empeza a mirar cara o cuarto clasificado, a só tres de distancia. A seguinte parada, Guijuelo.
PONTEVEDRA CF (2): Edu, Nacho López, Nacho Lorenzo, Campillo, Churre (Juan Barbeito, minuto 73), Kevin (Mouriño, minuto 62), Álex González, Javi López, Berrocal, Pedro Vázquez (Javi Pazos, minuto 82), Arruabarrena.
SALAMANCA CF (0): Alcolea, Iván Calero, Rodrigo Vera, Toño Vázquez, Armando, Sergio Molina, Héctor Gómez (Moussa, minuto 73), Junior (José García, minuto 46), Fer Ruíz (Owusu, minuto 62), Manu Molina, Pablo González.
Árbitro: Álvaro Alonso Prendes, auxiliado nas bandas por Rojas Pineda-Leonel e Menéndez-Riestra (Asturias). Amoestou a Campillo e Edu no Pontevedra e a Sergio Molina, Iván Calero, Manu Molina e a Owusu no Salamanca.
Goles: 1-0 Kevin, minuto 17; 2-0 Arruabarrena, minuto 24.
Incidencias: Partido da xornada 10 da Segunda División B disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante ao redor de 2.000 espectadores.
Relacionadas:
-
Duro e esaxerado castigo do Guijuelo a un Pontevedra gris e sen perigo (3-0)
Por Redacción |
-
O Pontevedra, a seguir crecendo en Guijuelo
Por Diego Espiño |
-
Derrota do Pontevedra ante o Compostela no Memorial Antonio Bermúdez
Por Redacción |
-
Descartada unha lesión de consideración de Kevin Presa, pero é dúbida para Guijuelo
Por Diego Espiño |
-
Luismi perde durante varias semanas a un dos seus fixos, Churre
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
O Pontevedra, a prolongar o seu bo momento na visita do Salamanca CF
Por Diego Espiño |
-
O Langreo será o primeiro rival do Pontevedra na súa defensa da Copa Federación
Por Redacción |
-
A praga de baixas chega tamén ao Salamanca CF, próximo rival do Pontevedra
Por Redacción |
-
Máis problemas para o Pontevedra: Romay lesionado e Competición non perdoa a David Castro
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra mira cara arriba ao gañar en Burgos (0-1)
Por Redacción |