"Apatxe", un monólogo literario con Isaac Xubín
Por Oskar Viéitez
O vindeiro martes, 19 de decembro, ás 19:30 horas, na sala de conferencias da Casa das Campás o Ateneo de Pontevedra organiza o monólogo literario "Apatxe", representado polo filólogo, escritor e tradutor Isaac Xubín.
A entrada é libre ata completar capacidade.
"Apatxe" é un relato cheo de decisións e casualidades que narra o percorrido vital do protagonista na procura dunha identidade marcada polas linguas, as viaxes e a literatura.
Isaac Xubín, nado na Coruña no verán de 1978 e residente en Sheffield, é poeta, novelista e tradutor. É licenciado en Filoloxía Galega e máster en política e planificación lingüística. Como profesor e investigador escribiu un dicionario Galego-Éuscaro e ensinou Lingua e Cultura galegas na University College Cork.
A doutora en Filoloxía Galega e profesora na Universidade de Vigo Ana Acuña explica que a obra de Isaac Xubín "está marcada pola extraterritorialidade, polas viaxes e os estudos que lle ofreceron novas linguas e novos labores como tradutor, profesor e investigador. Xa que logo, a súa é unha escrita abocada á reflexión metapoética trala conciencia do retorno imposible e da disolución de fronteiras idiomáticas e culturais. Estes encontros con diferentes realidades lingüísticas e espaciais plásmanse, de forma poética ou narrativa e nunha obra plástica que, dende as ilustracións dos seus volumes, apunta a un novo pé do macrotexto que caracteriza a súa obra".