A presentación de 'Aventura en la fraga mágica' abre o mes de actividades na Biblioteca de Pontevedra
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz
Este mércores 3 de xaneiro comezan as actividades previstas para este mes na Bilbioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra coa presentación de 'Aventura en la fraga mágica', un relato de Marita Muñiz Rial centrado na maxia e amor que pretende concienciar sobre a importancia de coidar a natureza. A presentación incluirá unha sesión de contacontos para público infantil.
Esta presentación realizarase a partir das 18.00 horas con entrada libre.
As actividades continuarán o venres 12 de xaneiro, a partir das 17.00 horas, cunha sesión de música e contos en inglés para escolares de 4 a 7 anos. Trátase dun taller interactivo que animará aos pequenos aa falar en inglés e a aprender palabras novas de maneira divertida.
Para participar é necesario inscribirse na páxina web da biblioteca a partir deste mércores 3.
Tamén este mes regresan as visitas escolares á Biblioteca para coñecela por dentro, divulgando coñecemento e o gusto pola lectura de maneira lúdica. Cada visita durará noventa minutos e inclúen talleres de ilustración que permitirán explorar diferentes técnicas de debuxo.
A inscrición previa ábrese o 12 de decembro, ás 09 horas no teléfono 886.159.249, en horario de 09.00 a 14.00 horas.
Tamén se pon en marcha unha sesión do obradoiro 'Ilustración e lettering', destinado a público infantil con idades entre 8 e 12 anos. Un proxecto que se desenvolverá o venres 19 de xaneiro ás 17.00 horas para combinar arte de debuxar letras, denominado lettering, coa creación de deseños de debuxos para dar lugar a unha obra visual artística completa.
O prazo para apuntarse a esta actividade ábrese a partir do 10 de xaneiro na web da Biblioteca.
Por último, o taller 'Ilustrar sen dono', impartido por Polo Correo do Vento permitirá ilustrar e narrar de maneira divertida a vida de Chichi Campos, o artista homenaxeado no Día da Ilustración 2024.
Esta actividade é para menores a partir dos tres anos. A xornada vai levarse a cabo o venres 26 de xaneiro ás 18.00 horas. Non é necesario inscribirse previamente.