'Do final e do comezo’ amosará no Pazo da Cultura unha selección artística de estudantes formados en Belas Artes
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Este martes 9 de xaneiro, a partir das 19.30 horas, estrearase na sala de exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra a mostra denominada 'Do final e do comezo’, que permanecerá aberta ata o domingo 11 de febreiro.
Alexandra Rey, de VacíoCero e comisaria da exposición; Xosé Manuel Buxán, decano da Facultade de Belas Artes e Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura, presentaban este proxecto que contará con visitas guiadas e con talleres infantís co obxectivo de achegar á sociedade as últimas tendencias da arte contemporánea.
Buxán indicaba que esta proposta mostra "vencellos entre a Universidade e a sociedade" nunha iniciativa inaugurada, anos atrás, polo recentemente falecido decano da Facultade, Juan Carlos Meana. Destacou o feito de que as persoas encargadas do traballo de comisariar as mostras sempre forman parte do profesorado asociado de idades novas ou ex estudantes.
Desta forma, destacaba que este tipo de exposicións amplifican a rede de posibilidades do significado de Belas Artes e de recoñecemento de sectores profesionais que xorden da propia entidade. "Non só expendemos títulos, somos un gran dinamizador cultural", explicaba Xosé Manuel Buxán.
Alexandra Rey incidía neste aspecto argumentando que unha mostra destas características se converte na primeira toma de contacto co mundo laboral no ámbito cultural. Indicaba que así os artistas que recentemente finalizaron a súa formación están obrigados a interactuar cun equipo de montaxe, coas administracións ou coas obrigacións e dereitos que deben asumir.
A esencia da exposición este ano é "indagar no punto de orixe", afirmaba a comisaria ao expoñer que buscan cal é o seu espazo firme e por onde comezarán a camiñar realizando unha narrativa coherente.
A creación téxtil é preferente nesta mostra, un elemento que "di moito do alumnado, da construción manual", explicou Rey engadindo que a maioría das artistas son mulleres, 25 dos 27 seleccionados. "Son conceptos sociais que queren rebentar por todos os lados", apuntou e manifestou que tamén, nesta ocasión, curmá a presenza de pinturas con poucos elementos figurativos, con creacións abstractas e sensoriais.
Demetrio Gómez lembrou que as visitas guiadas serán os días 21 de xaneiro; 3 de febreiro e 11 de febreiro ás 11.30 horas, aos que se engaden talleres para centros escolares. Para acudir a estas visitas guiadas é necesario inscribirse a través da plataforma Apúntate do Concello de Pontevedra.