Cinco concellos, un deles Pontevedra, buscan presumir de "madeira regueifeira"
Por Redacción
O certame Enreguéifate chega á súa sétima edición. Faino baixo o lema "Temos madeira regueifeira!" e co impulso de cinco concellos galegos: Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, a través dos seus respectivos servizos de normalización lingüística.
Con esa idea, o Enreguéifate procurará sacar á luz o talento para a improvisación oral que existe no país. "Temos madeira regueifeira porque a regueifa circula desde as nosas raíces ata o século XXI é o noso bosque autóctono da improvisación oral en verso", subliñan desde a organización.
O prazo para participar no certame de regueifas en vídeo estará aberto ata o 1 de marzo. A inscrición pode realizarse dende a páxina web do certame.
As persoas interesadas en participar deberán enviar un vídeo no que aparezan, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego e cunha duración máxima de 3 minutos.
Repetiranse as categorías de anos anteriores: unha xeral, para calquera persoa; e outra escolar, para alumnado dos centros educativos galegos non universitarios, de xeito que poderán participar todas aquelas persoas que o desexen.
Como en edicións previas, haberá tamén seis premios en cada unha das categorías: regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada.
A gala de entrega dos galardóns celebrarase o mércores 3 de abril no Teatro Principal de Santiago de Compostela.