O Coro Princesa de Asturias quere emocionar a Pontevedra
Por Redacción
Doce composicións para música coral integran o programa do concerto que o Coro Princesa de Asturias dará na Sede Afundación de Pontevedra o vindeiro 3 maio ás 20.30 horas.
As entradas para público xeral estarán á venda a partir deste mércores en Ataquilla.com. A Sociedad Filarmónica de Pontevedra as entregará directamente ás persoas socias.
Durante a sesión musical o público poderá escoitar unha ducia de temas moi diversos entre si. Dende cancións populares que acadaron fama internacional coma a estadounidense The House of the Rising Sun, ata os lied compostos por Brahms a partir de textos de poetas románticos coma Goethe, ou ás pezas compostas polos autores vascos Xabier Sarasola ou Javier Busto, baseadas en formas musicais máis propias da música sacra.
Obras asinadas por compositores contemporáneos noruegueses coma Kim André Arnesen, Ola Gjeilo ou Trond Kverno; os estadounidenses Jake Runestad (Alleluia) e Daniel Elder (Lullaby); e o vasco Josu Elberdin, completan o programa.
O fío condutor son os sentimentos.
Dende o Coro Princesa de Asturias explican que "a través do canto, a humanidade expresou e transmitiu emocións de alegría e tristeza, de esperanza e desalento; exaltou o amor e a natureza. O programa musical do concerto recorre a textos que falan de todos eses sentimentos".
O concerto será un dos dedicados á música clásica que forma parte do programa de Afundación en Pontevedra para os vindeiros meses que inclúen á Real Filharmonía de Galicia (15 de marzo), á Orquestra Sinfónica de Galicia (17 de maio), o ballet clásico "O lago dos cisnes" (19 de abril).
Relacionadas:
-
A cantaora Marina Heredia e a Orquestra Sinfónica de Galicia interpretarán 'O amor bruxo' en Afundación
Por Oskar Viéitez |
-
A Real Filharmonía de Galicia trae a Pontevedra un programa con obras latinoamericanas
Por Redacción |
-
A violista Isabel Villanueva e o pianista François Dumont ofrecerán o próximo concerto da Sociedade Filarmónica
Por Redacción |
-
Obras de Shostakovich e Jesús Torres no programa do concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia para abrir febreiro
Por Anxo Lourido |
-
O Trío Pedrell interpretará en Pontevedra composicións de Mendelssohn e Dvorák
Por Redacción |
-
Quartet Vivancos interpretará no Principal cuartetos de corda de Mozart, Schubert e Shostakovich
Por Oskar Viéitez |