Ticiana Ghiglione Darriba presenta en Pontevedra 'Non apartes a mirada do espello', dez historias de humor negro
Por Redacción
A autora multidisciplinar Ticiana Ghiglione Darriba entra agora na literatura e o humor negro e acaba de publicar a súa primeira novela, unha creación bilingüe en galego e español baixo o título Non apartes a mirada do espello / No apartes la mirada del espejo.
Esta semana presentarase publicamente en Pontevedra nun acto previsto para as 22.00 horas do venres, 8 de marzo, no Café de Cine da rúa San Antoniño.
Ademais da presentación do libro en si, a cargo de Adri de Vargas, haberá unha performance. E a autora estará acompañada dun músico, o guitarrista Óscar López. Ademais, Ticiana Ghiglione promete picoteo e sorpresas.
Non apartes a mirada do espello é un conxunto de dez historias "inquietantes" que, segundo explica a autora, "lévannos a observar o noso interior en busca de sombras".
O prólogo, escrito pola xornalista e escritora María Xosé Porteiro, destaca que a autora manexa con destreza o humor negro e na súa obra "predomina o noir capaz de crear suspense e manter o interese desde a primeira liña, condimentado cun leve toque naif na medida precisa, para garantir unha sorpresa final que despraza á inocencia".
María Xosé Porteiro explica que, ao longo de dez pezas, Ticiana Giglione Darriba trasládanos a situacións que discorren entre o cotián e o inverosímil, "para sorprendernos e facernos caer na trampa dun xogo de espellos, onde irrompen os finais sorpresivos e, en ocasións, mordaces".
"Artista de múltiples facetas, feminista comprometida, e orgullosa da súa estirpe astur-galaica-uruguaia-porteña, esta muller mundial, filla e irmá de mulleres de grandes talentos e calidades artísticas e literarias, revélasenos como unha escritora con imaxinario propio, que sabe atopar o adxectivo xusto, tecer diálogos fluídos, procurar o toque lírico cando é preciso, e aplicar a economía de recursos que caracteriza á boa literatura de todos os tempos", destaca Porteiro.
Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, a autora posúe un máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual e un posgrao de Aptitude Psicopedagóxica (CAP). É autora do personaxe de viñetas Dina Mita, foi organizadora da Mostra de Arte e artesanía Agasallarte, coordinadora na provincia de Pontevedra do macro proxecto artístico 'AgoraLibros, Os libros nas prazas' da artista multidisciplinar Luz Darriba e colaboradora da revista dixital Foeminas.