"La verdad", "Maixabel" e "Nomadland", nunha nova edición do ciclo de cine "Mulleres"
Por Redacción
Tres películas serán as que, nesta ocasión, integren unha nova edición do ciclo de cinema "Mulleres", que organiza Afundación con motivo do 8M, Día Internacional da Muller.
Todos os filmes elixidos teñen a mulleres como protagonistas. Retratan as vidas de Maixabel Lasa, viúva de Juan María Jáuregui, asasinado por ETA no ano 2000; de Fabienne Dangeville, unha estrela do cinema francés; e de Fern, unha muller que se enfronta á recesión de 2008.
Maixabel, que se poderá ver na sede de Afundación de Pontevedra o 19 de marzo, será a película que abra este ciclo. Dirixida por Icíar Bollaín en 2021, reflicte a vida de Maixabel Lasa, á que dá vida a actriz Blanca Portillo.
Once anos do asasinato do seu marido recibe unha petición insólita: un dos asasinos pediu entrevistarse con ela no cárcere de Nanclares de la Oca (Álava), na que cumpre condena tras romper os seus lazos coa banda terrorista.
O 9 de abril será a quenda de La verdad, do director xaponés Hirokazu Koreeda. Narra a historia de Fabienne Dangeville é unha das grandes estrelas do cinema francés, unha actriz que reina entre quen a aman e admiran, pero no seu mundo interior ten grandes conflitos con Lumir, a súa filla.
Lumir viaxa co seu marido e filla a París cando se publican as memorias da súa nai. No encontro revelaranse verdades, aparecerán resentimentos e falarase de amor.
O ciclo concluirá con Nomadland, dirixida por Chloé Zhao e Óscar á mellor película en 2020.
Nela, Fern (Frances McDormand), despois de perdelo todo durante a recesión de 2008, abandona a súa cidade na zona rural de Nevada, toma a súa camioneta e unha caravana e ponse en camiño para explorar unha vida fóra da sociedade convencional, como unha nómade moderna.
Todas as películas proxectaranse ás 20:00 horas. Como parte do programa de Afundación Cultura por alimentos, o acceso a todas as proxeccións será a cambio de alimentos.