Unha mostra recolle a volta a Galicia dos restos mortais de Castelao
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez; o presidente da Deputación, Luis López, e a tenente de alcalde do Concello de Pontevedra, Eva VIlaverde participaron este xoves na inauguración da mostra 'Castelao: o retorno a Galicia, 1984' no Museo de Pontevedra.
A exposición, organizada pola Deputación de Pontevedra, conta a historia dun dos momentos clave da Transición en Galicia: a chegada dos restos mortais de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao a Santiago de Compostela en 1984.
O representante da Xunta de Galicia destacou o papel fundamental que ten Castelao en Galicia, pioneiro no labor de unir lazos e por ser "símbolo de concordia e unión de todos os galegos, ademais de ser o pensador e autor máis emblemático de Galicia ano século XX, pero tamén unha das figuras clave da evolución institucional e democrática galega".
"Falamos dun persoeiro que é parte do pobo galego e que representa as aspiracións últimas da nosa terra: liberdade, aperturismo, igualdade, solidariedade, conciliación, desenvolvemento e futuro", engadiu Román Rodríguez, quen defendeu o seu legado e a importancia de coidar a súa memoria e asegurar o benestar común da poboación.
A mostra, comisariada por Xosé Enrique Acuña e conformada por 52 fotografías de Xan Carballa realizadas hai catro décadas, dá conta do lugar privilexiado que Castelao "ocupaba e ocupa no imaxinario popular galego como emblema da nosa fraternidade", sinalou o titular de Cultura sobre ese acordo unánime de todas as forzas parlamentarias de traer a Galicia os restos mortais de Castelao.
Pola súa banda, Luis López animou á cidadanía a visitar a exposición "para valorar o avance e a convivencia da sociedade galega nos últimos corenta anos".
"Desde este edificio que leva o seu nome reafirmamos a nosa vocación de tender pontes con todos e para todos; coas raíces de Castelao e a provincia do futuro, con todos os sectores sociais, todos os territorios e todos os cidadáns porque na construción dunha terra mellor non sobra ninguén", afirmou Luis López citando ao intelectual galego: "En Galicia hai sitio para todos".