"Rockus Pocus", un espectáculo musical máxico para despedir o Salón do Libro
Por Redacción & Cristina Saiz
Se máxico foi todo o Salón do Libro deste ano, non menos o foi a súa sesión de clausura. O evento, que cumpría os seus primeiros 25 anos de vida, rematou co espectáculo Rockus Pocus, que puxeron sobre o escenario do alumnado do RockLab e a Orquestra Sinfónica de Pontevedra.
A través de catro contacontos apoiados por diferentes videos -protagonizados polo propio alumnado e familias- e as actuacións musicais ao vivo, 50 nenos de entre 4 e 12 anos interpretaron temas de rock dos 90 que prepararon durante o curso neste obradoiro.
Así, o espectáculo fixo un repaso sobre a historia de personaxes reais como Marie Leveau, coñecida como a raíña do vudú, Rasputín, as meigas de Salem e María Soliña e o ilusionista e cineasta Georges Méliès.
Entre o repertorio musical o público puido gozar con temas de Abba, Red Hot Chili Peppers, Boney M, Annie Lennox, Tino Casal ou as interpretadas pola sección infantil de corda da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, de Frank Sinatra e de Smashing Pumpkins.
Con esta actividade, que esgotou as localidades dispoñibles hai máis dunha semana, pechou a edición máis máxica do Salón, que comeza xa a preparar a seguinte.
A xornada de domingo botou a andar con Tatatachán de Pavís Pavós, o espectáculo para bebés Patapatúm do Mago Paco ou o espectáculo de maxia Magos e magas na literatura da man de Magía en la Manga.
Ademais, polo Día da Banda Deseñada, o Salón preparou actividades como o obradoiro Meigatas de Paula Cheshire ou O androide Simón de Boadicea Editora e tamén a sesión de cinema no Principal coa película Nicky, a aprendiz de bruxa.
Xa pola tarde, tiveron lugar unha chea de actividades moi máxicas como o obradoiro de cociña no que Reviravolta elaborou panellets nunha última chiscadela ao país convidado e Magia en la maga ensinou á cativada algúns dos segredos que todo gran ilusionista debe coñecer.
Relacionadas:
-
24.069 persoas pasaron polo Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A 'sinfonía máxica' do Mago Teto e a Banda de Salcedo asombran no Salón do Libro
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O teatro de Tanxarina Títeres anima ao público familiar para encarar a última fin de semana do Salón do Libro
Por Redacción |
-
Orbil achégase a PontevedraViva para informar da próxima estrea do Salón do Libro
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |