Este xoves, en Afundación, Camerata Arven regresa ao romanticismo co Octeto de Schubert
Por Redacción
Continúa o ciclo de Afundación "Do silencio á emoción III" cuxo obxectivo é achegar o público á música clásica dun xeito ameno, diferente e interactivo, facéndoo partícipe da experiencia.
O seguinte concerto será este xoves 25 de abril, ás 20.30 horas, no Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra a cargo da Camerata Arven, que ofrecerá o Octeto en Fa Maior D. 803 de Franz Schubert.
Co proxecto "Do silencio á emoción III", a Obra Social de ABANCA promove a música clásica traballando na consolidación de públicos e na creación doutros novos dun xeito diferente.
As barreiras entre o público e os artistas desaparecen nesta serie de concertos. Ferramentas coma a maxia ou a narración oral serán parte das presentacións da segunda metade do ciclo. Ademais, ao comezo de cada sesión, os asistentes poden coñecer máis sobre a historia do repertorio en base a un relato ameno e dinámico. O público poderá facer preguntas. E, xa entón, comeza a música.
Camerata Arven é unha formación integrada por músicos afincados na zona de Pontevedra. Traballan para fomentar o interese pola música de cámara. Colaboran ademais, con artistas locais doutras disciplinas: danza, artes plásticas, teatro, etc. Suman creatividade e recursos para mellorar a experiencia, e a inmersión na música, por parte do público.