Guadi Galego e Dakidarría, primeiros nomes para a oferta musical das Festas de Verán
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
A través das redes sociais, o Concello de Pontevedra anunciou o nome das dúas primeiras actuacións musicais que formarán parte da programación das Festas de Verán de Pontevedra, que encherán de actividade a cidade nos meses de xullo e agosto.
Así, Guadi Galego será unha das protagonistas do ciclo Con voz de muller, que volverá reunir a grandes voces femininas da música galega e nacional. No seu caso, actuará en Pontevedra o mércores 31 de xullo.
A artista de Cedeira, que xa estivo en Pontevedra o pasado mes de abril co seu espectáculo Síntese Horizonte, regresará á cidade do Lérez para repasar os grandes éxitos dunha carreira que, ademais dos seus traballos con Berrogüetto, inclúe xa seis discos en solitario.
No Festixeve, que se celebrará como é habitual no Campo de Vilar de Fragoso, actuará a banda Dakidarría. Será o venres 2 de agosto, segundo confirmou o goberno municipal.
A banda, popular pola súa fusión de ska, reggae, ritmos urbanos e punk-rock, presentarán o directo o seu novo disco, XX, co que celebran os seus vinte anos de traxectoria musical.