A arte e a natureza volven confluír na Illa das Esculturas
Por Natalia Puga
Un mínimo de 20 artistas chegados de toda Galicia traballarán durante tres días no "espazo máxico" da Illa das Esculturas e as marxes do río Lérez e crearán obras que conxuguen tres características: ser efémeras, respectuosas coa natureza e integrarse totalmente na contorna. Será a segunda ocasión na que se dea un fenómeno similar neste ámbito e o fai posible o segundo encontro de arte e natureza 'Fluindo no río Lérez'.
A actividade desenvolverase este ano entre os días 20 e 22 de xuño despois do éxito acadado na súa edición 2013. O ano pasado propoñía catro talleres artísticos para que os participantes se unisen a aquel co que se sentisen máis identificados. Este ano os participantes adquiren máis protagonismo e farán os seus propios traballos.
A organización invitou 20 artistas e xa ten confirmada a súa asistencia, pero abre o convite a todo aquel queira que participar e traballar durante tres días baixo a coordinación de Antón Sobral e Carmen Hermo. As persoas interesadas tan só terán que chamar previamente ao teléfono 629818199.
A programación deseñada pola Concellaría de Cultura comezará o venres 20 de xuño na Casa das Campas. Haberá unha conferencia aberta ao público a cargo do profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego, que a partir das 20.00 horas fará unha introducción á arte e a natureza e aos conceptos sobre os que se traballarán durante os dous días seguintes.
Todo ese traballo xirará entorno ao concepto do "flow" ou fluir. Antón Sobral e Carmen Hermo, que este mércores presentaron a actividade acompañados pola edil de Cultura, Anxos Riveiro, recurren a definiciós xa dadas por outros artistas ao respecto. Recordan ao profesor Mihaly Csikszentmihalyi, para quen o "flow" significa "sentirse poseído por un profundo sentimento de gozo creativo"; e a Daniel Goleman, para quen é o "intre branco", ese momento especial de harmonía, de grande creatividade e concentración onde todo o que fas sempre sae ben.
Antón Sobral e Carmen Hermo aspiran a que os artistas participantes encontren ese momento branco de inspiración á beira do Lérez. O sábado 21 pola mañá os artistas comezarán a facer os seus traballos ao longo da Illa das Esculturas e ás 19.00 horas porán en común as súas experiencias nun encontro cos coordinadores no Pazo da Cultura. O domingo rematarán as obras e a partir das 12.00 horas farase un percorrido por todos os traballos nos que os propios artistas explicarán o que perseguían cos mesmos.