Pontevedra súmase á estrea simultánea en toda España de 'El tren de la libertad'
Por Redacción
Esixir que se manteña vixente a actual lei de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo. Foi o obxectivo co que, o pasado mes de febreiro, milleiros de persoas de toda España emprenderon unha viaxe reivindicativa ata Madrid. Foi unha marcha que recibiu o nome de 'El tren de la libertad' e que foi gravada por máis de 80 cineastas de todo o país, que se uniron para levar a cabo un documental colectivo.
Cinco meses despois o resultado dese traballo chega ás pantallas de toda España. Será grazas a unha estrea simultánea en todo o estado e Pontevedra será unha das cidades onde se proxectará este documental, que leva por título Yo decido: El tren de la libertad. Será este xoves 10 de xullo, ás 19.00 horas, no salón de actos da Facultade de Belas Artes, cedido pola Universidade de Vigo. A entrada é libre ata completar aforamento.
Asinado polo Colectivo de Mujeres Cineastas contra la Reforma de la Ley del Aborto, con el preténdese mostrar a oposición de mulleres de todo o Estado ás intencións do goberno, esixir a este que manteña a actual lexislación e que hai que seguir traballando para evitar a perda de dereitos e libertades, segundo sinalan desde a Plataforma Galega pola defensa do Dereito ao Aborto e Mobilízate Pontevedra, organizadoras desta proxección.
Entenden que a ameaza da reforma da Lei do Aborto é cada día máis seria, sobre todo despois do dictame do Consejo General del Poder Judicial. "Non podemos agardar que esta ameaza se cumpla e nos pille co pé cambiado en medio do verán", aseguran.
Despois da súa proxección haberá un coloquio onde participarán Ángela Rodríguez en representación do movemento Mobilízate Pontevedra; Mirian Viñas, representante da Plataforma Galega pola defensa do Dereito ao Aborto e a xornalista feminista experta en comunicación audiovisual, Llerena Perozo.