O Festival SonRías Baixas ofrecerá "a festa xitana máis explosiva, asombrosa e emocionante do continente"
Por Redacción
O Festival SonRías Baixas pecha o cartel da súa XIII edición coa incorporación da estrela serbia Goran Bregovic, que leva 8 anos sen visitar Galicia e que ofrecerá xunto coa súa Orquestra de Vodas e Funerais a festa xitana máis explosiva, asombrosa e emocionante do continente, un espectáculo musical que leva anos facendo bailar ata a extenuación aos públicos de todo o mundo.
Súmanse tamén ao cartel do Festival os sevillanos Reincidentes, que ofrecerán en Bueu o seu único concerto do verán en Galicia, dentro da xira de celebración dos seus 30 anos sobre os escenarios; os cataláns Txarango, que volven ao SonRías pola porta grande, despois de percorrer os escenarios de media Europa, de actuar no ViñaRock ante 50.000 persoas e de protagonizar un dos concertos máis aplaudidos da última edición do Arenal Sound; os vigueses The Soul Jacket, que están a piques de estrear o seu segundo disco; e máis os madrileños Alamedadosoulna, que farán bailar e rir ao público co seu peculiar espectáculo de Ska e Sketch.
As novas incorporacións completan o cartel xa anunciado: SKA-P, que traerán toda a enerxía combativa dos barrios obreiros nun dos poucos concertos que ofrecerán na península antes de retirarse por unha tempada; os valencianos La Raíz, que conquistarán ao público coa forza, rabia, desenfreno, festa e protesta dun directo que está arrasando nos festivais máis importantes do Estado; e os vigueses Aphonnic, que defenderán a enorme calidade do seu rock atemporal e potente.
A cita é a fin de semana do 19 e 20 de setembro no entorno de Cabo Udra e as entradas estarán á venda na web por 22,50 euros máis gastos o abono dos dous días. Non haberá entrada dun só día e, na billeteira, o prezo será de 29 euros e o acceso á zona de acampada custará cinco euros.
UN ESFORZO CONXUNTO
O XIII Festival SonRías Baixas é posible grazas ao tesón da Asociación Troula na Banda, ao apoio do Concello de Bueu -que máis alá da achega económica, colabora con diversos servizos e facilita as xestións- e á implicación no proxecto das empresas que traballan co festival.
Especialmente importante é a alianza establecida entre o SonRías e a promotora musical Sonde3, sen a que non sería posible levar a cabo un
festival destas características nun contexto como o actual. Dende Troula na Banda saliéntase tamén o papel determinante do público, que terá que refrendar un ano máis a Experiencia SonRías coa súa fidelidade.
A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do Estado.
Co slogan de Festivaleiros para Festivaleiros por bandeira, a pasada edición do Festival conquistou o en agosto de 2013 a 12.000 personas con tres días de música, praia e gastronomía, o que supuxo para Bueu unha inxección económica de 830.000 euros, chegándose ao pleno de ocupación hostaleira en toda a comarca. A maioría dos proveedores do festival son da comarca e máis de 300 persoas traballan cada día no evento, a maior parte, xente da vila.