O FIC Bueu aumenta este ano as cintas proxectadas en resposta ao aumento da participación
Por Redacción
O Festival Internacional de Curtametraxes (FIC) de Bueu proxectará entre o 8 e o 13 de setembro 27 curtas, dúas máis ca nas edicións anteriores, en resposta á elevada participación, pois presentáronse a concurso un total de 932 obras, un récord con respecto aos seis anos anteriores.
O concelleiro de Cultura de Bueu, Andrés Lamosa, destacou que se decidiu aumentar o número de obras da sección oficial "debido ao elevado número de curtas que recibimos e a súa calidade", ampliación que foi posible tamén porque "a duración media era inferior á do ano pasado".
Andrés Lamosa; o alcalde, Félix Juncal; e o director do certame, Manuel Pena, presentaron este luns a programación do evento. O rexedor sinalou que nestes sete anos o festival foi medrando e hoxe "é un dos máis recoñecidos", sobre todo pola afluencia de público, o que obrigou a desdobrar as sesións nas últimas edicións.
Nesta ocasión volverán programarse entre o luns e o venres dous pases diarios ás 20.00 e As 22.00 horas. Todas serán no Centro Social do Mar con entrada de balde. O sábado terá lugar a entrega de premios, entre eles o do público, para o que os asistentes poderán votar a diario.
Manuel Pena indicou que as temáticas son moi variadas e cada día haberá polo menos unha curtametraxe de animación. Chama a atención, ademais, que se presentaron moitas cintas protagonizadas por nenos, algo que os convida a reflexionar. A maior parte volven ser dramas, "aínda que o xurado tamén seleccionou varias comedias e diversas producións españolas, e isto adoita gustar ao público".
O país máis representado, unha vez máis, será Francia "porque fan moitas curtas e porque o seu nivel é moi bo, circunstancias que están relacionadas tanto coa súa historia como co fomento da cinematografía que se fai desde o Ministerio de Cultura galo".
Relacionadas:
-
O FIC Bueu 2014 baixa o telón coa presenza de cineastas estranxeiros
Por Redacción |
-
Seis producións internacionais abren con éxito o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Por Redacción |
-
Martin Pawley, Manuel Precedo e Analía G. Alonso integrarán o xurado do vindeiro FIC de Bueu
Por Redacción |