Concha Velasco volve a Pontevedra con "Olivia y Eugenio", unha emotiva obra de teatro
Por Redacción
Unha das grandes damas da escena española, Concha Velasco, será a gran protagonista da próxima cita teatral de Afundación. Xa recuperada da enfermidade que a mantivo afastada dos escenarios durante un tempo, a veterana actriz chega a Pontevedra para interpretar Olivia y Eugenio, unha emotiva obra de teatro que se poderá ver este sábado 11 de outubro, a partir das 20.30 horas, no Centro Social da entidade.
Concha Velasco volve ás táboas protagonizando a historia dunha nai e o seu fillo, un mozo con síndrome de down ao que dá vida Hugo Aritmendiz e Rodrigo Raimondi, que se enfrontan a unha situación extrema na que cuestionan unha serie de valores. A entrada na vellez de Olivia, nai de Eugenio, non lle resulta nada doada. As enfermidades, o cansazo e o paso do tempo pásanlle factura no seu estado físico e o seu corpo non responde como antes.
Segundo o seu creador, o dramaturgo peruano Herbert Morote, en Olivia y Eugenio "nai e fillo encaran unha situación extrema onde se cuestionan valores que xorden en tempo de crise". Explica como a traxedia se achega irremediablemente a Olivia, que rememora o seu pasado axustando contas co seu marido, nai, amizades, médicos e con todos aqueles que presumen de ser normais, como políticos, profesionais e deportistas con éxito. "Sobre eles Olivia pregúntase se son máis normais que o seu fillo Eugenio, un neno con síndrome de Down,".
A actriz, nunha recente rolda de prensa, explicou que leu o texto por primeira vez hai un ano, cando "non sabía que me ía poñer enferma e que me unirían tantas cousas a esta obra". Asegura que tivo sorte ao regresar aos escenarios cun traballo "que me recorda a enorme dificultade que tiven" e recoñece que "Olivia cambiou o meu xeito de pensar e de sentir, ela me vai achegar máis cousas a min como persoa que eu a ela como actriz".
Olivia y Eugenio supón, ademais, o regreso da actriz a Pontevedra, cidade que visitou hai cinco anos coa obra La vida por delante. Son só dous fitos na carreira dunha das principais figuras do panorama teatral e cinematográfico español, premiada polos profesionais do sector, pola crítica e o público en numerosas ocasións. Entre eles, destaca o Premio Nacional de Teatro, a Medalla de Ouro as Belas Artes ou o Goya de Honor.
As entradas para este espectáculo, para todas aquelas persoas que non tivesen adquirido o aboamento da tempada, están dispoñibles nas canles habituais da entidade en www.servinova.com ou ben no teléfono 902 504 500.
Relacionadas:
-
O drama dos nenos roubados chega a Pontevedra coa obra de teatro "Una vida robada"
Por Redacción |
-
Pontevedra réndese ante o fabuloso traballo de Concha Velasco na obra "Olivia y Eugenio"
Por Diego Torrado |
-
Levántase o pano en Afundación: "Cena con amigos" abre a tempada teatral de outono en Pontevedra
Por Redacción |
-
Concha Velasco, Asunción Balaguer e María Adánez, apostas teatrais de Afundación para este outono
Por Alejandro Espiño |