Os soños e as cores de Carlos Bóveda amósanse no Sexto Edificio do Museo
Por Redacción
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolle desde este venres 7 de novembro ás 20.30 horas, durante un mes, a exposición 'Entre cores e soños' con máis de cincuenta obras do autor galego Carlos Bóveda.
Na mañá deste xoves, a viúva do artista Sara Paz acompañada pola deputada provincial Ana Isabel Vázquez realizou un percorrido pola mostra para explicar a traxectoria do artista da Ponte (Padrón) que malia pasar 40 anos da súa vida en Bos Aires, garda unha gran vinculación coa provincia de Pontevedra, no que deu os seus primeiros pasos como artista, traballando como diseñador en Cerámicas Celta.
Carlos Bóveda comezou decorando pezas de cerámica aos 15 anos que se poden ver na exposición que acolle tamén o primeiro cadro, do ano 1958, do artista. A evolución de Bóveda pasa dun estilo figurativo a fases abstractas pasando por un período de influencia de Laxeiro, co que compartiu debates artísticos.
Sara Paz indicou que Bóveda sempre tivo a Galicia como motivo dos seus traballos e as súas obras iniciais mostraban un país gris ata que se trasladou a Arxentina no ano 1972. Ao seu regreso en 1986 atopou á súa terra galega cambiada, na que os veciños participaban en festas e os ambientes mostrábanse cheos de cor, que intentou trasladalo aos seus últimos traballos. Precisamente, a súa última obra inconclusa tamén está exposta nesta colección.