Un concerto sobre a pegada 'diabólica' da música, peche do ciclo Do Audible en Pontevedra
Por Redacción
O Distracfold Ensemble de Manchester e o especialista en Wagner, Enrique Gavilán, serán os convidados de Vertixe Sonora Ensemble no concerto que porá fin o ciclo Do Audible 2014, promovido pola Consellería de Cultura para normalizar a escoita de música contemporánea no noso territorio. A actuación terá lugar o próximo venres 14 de novembro, ás 20.00 horas, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.
Os músicos de Vertixe Sonora Ensemble contan neste último concerto do ano coa colaboración do Distractfold Ensemble, de Manchester, que, desde o seu debut en 2011, estableceuse como unha voz potente e arriscada na comunidade británica. O grupo especialízase en música instrumental, acusmática e híbrida do século XXI, escrita por compositores da nova xeración.
No concerto A música e o diabólico preséntase en formato trío de cordas con: Linda Jankowska, violín, Emma Richards, viola e Alice Purton, cello.
Será un programa arredor do "poder excepcional, temible e admirable" da música, unha arte que sempre foi percibida con receo, sospeitosa como é dunha pegada diabólica. Con pezas dos prestixiosos compositores en activo Salvatore Sciarrino, Mauricio Pauly e Pierluigi Billone, componse un programa que contará coa introdución do profesor e ensaísta especialista en Wagner, Enrique Gavilán, autor do libro Otra historia del tiempo.
O ciclo Do Audible, cuxa primeira edición celebrouse en 2013, investiga puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento, que faciliten o achegamento do público non especializado e a conquista dunha percepción musical máis consciente. Proporciona en cada concerto unha experiencia singular e reveladora que devolve a escoita ao seu lugar, como acontecemento capital do entendemento humano.