'Panorama Kids', en Pontevedra e Vilagarcía: a Orquestra Panorama tamén é para nenos
Por Redacción
Os fans máis novos da Orquestra Panorama están de parabén. Os seus responsables idearon un novo espectáculo musical, dirixido especialmente para eles. Estrearase o próximo mes de decembro e percorrerá durante o Nadal as principais cidades de Galicia. Entre elas, Pontevedra. Actuarán no Pazo da Cultura os días 19 e 20 de decembro. E tamén estarán en Vilagarcía, neste caso, o 27 e 28 de decembro.
En Panorama Kids, nome que recibirá este espectáculo, participará todo o elenco de Panorama (oito cantantes, dez músicos e oito bailarins), aos que se suma a actriz María Mera que acompañará á orquestra durante toda esta xira. Todo iso aderezado cos máis espectaculares avances técnicos en escenografía, son e iluminación, un deseño de vestiarionovidoso e un marcado compoñente acrobático.
O argumento do espectáculo, que se poderá ver en sesión de tarde (funcións ás 17.00 e 19.30 horas), está baseado en situacións cotiás vividas pola propia orquestra, que mostrará a parte máis humana dos artistas.
Trátase, segundo o director de Panorama, Lito Garrido, dun espectáculo" á altura do que se espera dunha orquestra como a nosa, caracterizada pola calidade e espectacularidade de todos os seus espectáculos, galas e actuacións". Nel, á parte de recrear as cancións que estiveron a interpretar para os nenos nos seus concertos, "intentamos encontrar un punto de unión para toda a familia, propiciando que pasen un anaco agradable nestas datas do Nadal,".
O feito de estar dirixido a un público familiar non minguou a vistosidade da montaxe nin a calidade musical e escénica de todos os seus números. "Ao contrario", indica o director da orquestra. "Somos conscientes de que o público miúdo é quizais o máis esixente polo que en Panorama Kids se coidaron ao máximo ata os máis mínimos detalles para que durante todo o espectáculo a espectacularidade e a fascinación sexan permanentes. "
O prezo das entradas será o mesmo para todas as actuacións: 10 euros máis gastos de xestión. As entradas xa se poden adquirir a través de www.servinova.com ou no seu despacho telefónico 902 504 500.
Relacionadas:
-
¡Soy una taza!, toda a familia a bailar coa Panorama
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Panorama presenta en Sanxenxo o videoclip de 'Mete pal cuerpo', incluído en Caribe Mix 2014
Por Redacción |
-
A orquestra Panorama pon o broche de ouro a un Mundial de Dúatlon para a historia
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |