Moldes e réplicas serán o fío condutor dunhas xornadas no Museo
Por Oskar Viéitez
Os moldes e as réplicas son elementos que acompañaron de forma sutil pero determinante á historia da arte. Tanto para a creación das pezas coma para facilitar a súa divulgación, nas culturas grega, romana ou exipcia realizábanse pezas e copias mediante o sistema do baleirado. Esta necesidade de facer unha reproducción fidedigna e á vez respectuosa co orixinal provocou o desenvolvemento dunhas técnicas moi complexas para as que se requiría un alto grado de especialización.
Na actualidade adaptáronse as técnicas e os materiais con que tradicionalmente se facían as réplicas para poder ser empregados por institucións e profesionais dedicados á protección do patrimonio. Así, a reproducción de elementos parciais ou obxectos enteiros pasou a ser un método habitual de proxección e difusión do patrimonio cultural. Estas metodoloxías permiten o logro de obxectivos moi diversos sen que a peza orixinal se vexa afectada de ningún xeito.
Por iso, o Museo de Pontevedra e a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, co patrocinio da Deputación, abordarán estas cuestións na cuarta edición da reunión que, con nome de Encontros de Conservación e Restauración, ten lugar cada outono en Pontevedra desde o ano 2011.
No próximo encontro, que se vai realizar os días 19, 20 e 21 do mes de novembro, teremos a oportunidade de contar coa presenza de destacados profesionais, que lles ofrecerán aos 240 asistentes os coñecementos máis novos na materia desde a óptica que a cada un lle corresponde no seu campo específico de traballo.
O interese dos moldes e reproduccións como colección museística, como vestixio dunha metodoloxía de traballo, como técnica de conservación e como obxectos que tamén debemos conservar serán os fíos condutores das sesións de este encontro.