O artista Juan Cantizzani amosa as virtudes do ruído en Belas Artes e no CITA
Por Redacción
A facultade de Belas Artes acolle estes días o taller Arte Aural (Sound Studies), un curso no que este músico e artista trata de mostrar ao alumnado que os sons constitúen "un medio de expresión, unha experiencia creativa que ás veces está un pouco esquecida," así exprésase Juan Cantizzani, o artista que imparte o curso.
Durante as sesións, o cordobés Cantizzani destaca a importancia do ruído como un elemento que define. O licenciado en Belas Artes pola Royal Academy or Art da Haia (Holanda), ofrece un achegamento aos estudos aurais, un campo no que se parte da escoita e se afonda en ámbitos como a antropoloxía, a historia, a arqueoloxía, a economía ou a psicoloxía, segundo explica no DUVI.
Cantizzani, durante estes días en Pontevedra, prepara tamén no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) a intervención sonora que o público poderá coñecer nas sete sesións gratuítas que se ofrecerán entre o sábado 15 e o domingo 16. O CITA será durante esta fin de semana o escenario dunha "experiencia acústica" cunha proposta que parte da percepción, a vibración e o son.
O aforamento será limitado e a entrada gratuíta cunha intervención sonora que poderá escoitarse o sábado ás 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas, mentres que durante o domingo foron programadas tres sesións ás 11.00, 12.00 e 13.00 horas.