Xuntan nun libro os estudos publicados polos 40 anos de Combarro como Conxunto Histórico
Por Redacción
O salón de actos da Comunidade de Montes de Combarro acolleu este venres a presentación do libro Combarro, Conxunto Histórico (1972-2012). Estudos e Testemuños, coordinado por Rafael Vallejo Pousada, profesor da Universidade de Vigo e editado pola Deputación de Pontevedra.
O libro recolle, na parte de estudos, as conferencias celebradas en Combarro en 2012 con motivo da conmemoración do 40 aniversario da declaración de Combarro como Conxunto Histórico, e unha ampla bibliografía sobre esta vila mariñeira, elaborada por Rafael Vallejo e Andrés Dacosta.
Incorpora así mesmo, no apartado de testemuños, os textos elaborados para esta publicación polos dirixentes de todas as entidades socioprofesionais e culturais existentes na parroquia de Combarro, así como polos representantes dos tres grupos políticos que constitúen a corporación municipal de Poio.
Recolle así mesmo os discursos oficiais pronunciados no acto conmemorativo do 40 aniversario da declaración deste pobo como "conxunto artístico" de interese nacional.
Na presentación do libro participaron, entre outros, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, a deputada provincial Ana Isabel Vázquez e Rafael Vallejo, como presidente da Asociación A Solaina e editor da publicación.
Todas as persoas que asistiron foron agasalladas cun exemplar da publicación.