Contacontos especiais de Nadal na biblioteca
Por Redacción
A Biblioteca Pública de Pontevedra 'Antonio Odriozola' celebra o Nadal cunha programación especial de contacontos dirixida aos nenos que se desenvolverá este venres 26 de decembro e o venres 2 de xaneiro.
O contacontos elixido para a ocasión é 'Maxia no nadal', de Leo Leiño. De entrada libre ata completar aforo, será unha divertida sesión de maxia na que se mesturará a narración de historias, os xogos e a participación dos asistentes, nenos e adultos.
Neste centro bibliotecario tamén está aberta a campaña 'Quitapenas. Nós quitámosche as penas, e ti quítasllelas a outros', a través da que todos os usuarios que o desexen poderán 'liberarse' das sancións polo retardo en devolver os préstamos achegando produtos alimenticios non perecedoiros, que irán destinados ao Banco de Alimentos de Vigo, que abastece a toda a provincia de Pontevedra.
Asemade, nesta biblioteca púxose en marcha unha campaña solidaria de recollida de libros, que rematará o venres 2 xaneiro de 2015. As persoas que desexen participar poden depositar os seus libros de lectura, para nenos de 0 a 14 anos, novos ou de segunda man en perfecto estado na sala infantil da biblioteca, beneficiándose deste xeito coa anulación das sancións polos atrasos na devolución.
Nas instalacións tamén se pode visitar ata o 8 de xaneiro a exposición 'Xogos Populares', a cargo da Concellaría de Xuventude do Concello do Grove. Esta mostra exhibe máis de 40 xogos tradicionais galegos, moitos relacionados coa propia provincia, e ofrece a posibilidade de xogar con varios deles. Así mesmo expóñense máis de 20 libros de xogos populares e tradicionais galegos da organización, e outros xogos, libros e fotografías que forman parte dos fondos da propia Biblioteca Pública de Pontevedra.