Luis Menéndez presenta na libraría Paz o seu novo libro, "Galleira Passport"
Por Redacción
O xornalista Luis Menéndez escolleu a libraría Paz para presentar en Pontevedra o seu terceiro libro, Galleira passport. Crónicas viaxeiras do século XXI, un libro de viaxes publicado por Alvarellos Editora.
Trátase dunha serie de relatos baseados nas series documentais da Televisión de Galicia, medio para o que traballa dende os seus inicios hai case 30 anos, que levaron por nome Terras de Merlín (Países Celtas), Terras de Acolá (Países Lusófonos) e Terras do Leste (países do Leste europeo).
Ao longo de case unha década Menéndez realizou 39 documentais e percorreu 320.000 quilómetros por 26 países. Neste libro, con prólogo de Manuel Rivas e ilustrado con fotografías das mellores travesías, ofrece unha aproximación a esas viaxes.
Ao longo do libro, Luis Menéndez ofrece unha crónica de calidade, unha visión do mundo feita en clave galega por un experto cronista e viaxeiro. Ofrece unha prosa suxestiva e chea de referencias, anécdotas e sentido do humor, que se completa cun enlace mediante códigos QR aos documentais da TVG que deron orixe a esta obra.
A presentación do libro en Pontevedra estivo conducido polo xornalista Eugenio Giráldez.