Quatro D Abril, a quitarse a "espinita clavada" cun concerto no Teatro Principal o próximo 13 de marzo
Por Alejandro Espiño
Para Quatro D Abril non ter actuado nunca nun escenario tan emblemático como o Teatro Principal era unha "espinita clavada", segundo o líder da banda pontevedresa, Roberto Calvo. Pero pronto poderán sacala. Tras unha longa traxectoria musical, ofrecerán nel un concerto o próximo venres 13 de marzo, a partir das 21.00 horas.
"Tenemos muchas ganas de que llegue el día", explicou o cantante e baixista do grupo, que presentou este venres o concerto acompañado de Rodrigo Valiente, outro dos membros da banda, e da concelleira de Cultura, Anxos Riveiro.
Será, recoñecen,"un día muy especial para nosotros" e esperan contar o apoio do público. "Queremos que vaya mucha gente y nos conozcan en toda su expansión", afirmaron. E é que a pesar de levar xa bastantes anos no mundo da música, deixaron atrás unha primeira etapa "muy mediática y con más éxito" e agora sobre o escenario "disfrutamos más y hacemos mejor música". Por iso, din, este concerto chégalles nun gran momento.
Quatro D Abril presentará o último disco que publicaron, Mundo circular, pero segundo avanzaron os seus compoñentes, tamén haberá tempo para interpretar os seus grandes éxitos e tres cancións novas que formarán parte do seu novo traballo discográfico. Farano ademais acompañados de varios artistas invitados como Black Stone e o gaiteiro ÿscar Ibáñez.
Ademais, a banda aproveitará este concerto para gravar imaxes que se incluirán no próximo videoclip do grupo. De aí que esperen que aínda que o público empece sentado nas súas butacas "a lo largo del concierto se vayan animando y acaben todos levantados".
As entradas, que teñen un prezo de catro euros por adiantado e de seis na billeteira, pódense adquirir en Hiper Froiz e no pub La Gramola, situado na praza de Méndez Núñez.