Necesito unha regresión na miña vida?
Por Redacción
A regresión é unha técnica psicolóxica que axuda a sacar os bloqueos á luz e permite liberar os traumas que a través doutras terapias resultan moito máis difíciles de sandar. Así presenta a psicóloga Lola de Miguel Campos o tema en que se centra o seu libro cuxo título deixa ben claros os seus propósitos: Regresión. Revivir el pasado para sanar el presente. Este xoves 27 ás oito da tarde a autora explicará no Museo de Pontevedra detalles sobre esta técnica e aclarará as dúbidas sobre este controvertido tema que adoita espertar curiosidade, medo, incredulidade e mesmo rexeitamento.
Lola de Miguel Campos conta cunha experiencia internacional de máis de vinte anos como profesional da psicoloxía e é experta en terapia individual e de parella, constelacións familiares e formación en diferentes técnicas. Nesta presentación falará sobre os beneficios da regresión, sobre os Rexistros Akáshicos e dará resposta á gran dúbida: é certo que se pode regresar a outra vida?
A autora apunta ao feito de que a conciencia é o elemento que permite que todos os membros dunha familia herden a enerxía de todos os seus antecesores. Segundo este sistema, é necesario cumprir cunhas leis que o regulan para alcanzar o equilibrio e a harmonía familiar.