O público vibrou na Basílica de Santa María co concerto da Coral Polifónica 'Cidade de Vigo'
Por Daniel Santomé
A Coral Cidade de Vigo comezou a súa andaina en 1957 cando un grupo de persoas cegas decidiu poñer en marcha un grupo polifónico que foi crecendo ata contar, na actualidade, con 42 voces, das que a maioría son afiliadas á Once.
Dirixidos por Javier Santalices Silva ofrecen un repertorio que abrangue a polifonía relixiosa e profana de diferentes épocas e países, dende o renacemento ata o século XX. Ademais recollen pezas da música popular española e internacional, cunha especial dedicación á galega. Durante a súa traxectoria ofreceron concertos por toda a península Ibérica.
Este mércores 6 ofreceron unha nova actuación no interior da Basílica de Santa María, organizada polo Consello Territorial de Once-Galicia, que provocou unha ovación do público asistente.
A Coral Polifónica Cidade de Vigo conta con dous discos compactos e un DVD con música folk e relixiosa, ademais de obras para coro e orquestra de Mozart, gravado en directo en 2001 durante un concerto celebrado na Igrexa do Mosteiro de Poio.