La casa de los ingleses presenta en Sala Karma "Punto de partida", o seu primeiro EP
Por Redacción
La casa de los ingleses, a banda pontevedresa de pop que se proclamou gañadora do pasado Fest 2015, presentará este venres 29 de maio, a partir das 21.30 horas, o seu primeiro traballo discográfico. Trátase do EP Punto de partida, editado hai unha semana. Os seus seguidores poderán escoitalos nun concerto que se celebrará na Sala Karma.
Hai cinco anos Anxo (guitarra e voz), Carlos (batería), Charly (baixo) e Xavi (guitarra), decidiron xuntarse para, pouco a pouco, desenvolver o seu proxecto musical. Nacía así La casa de los ingleses, unha banda que ao principio probaba, ensaiaba e aprendía xuntos con versións dalgúns dos seus grupos favoritos. Co tempo comezaron a crear as súas propias cancións, suma das diferentes influencias de cada un deles.
Foi en 2012 cando o grupo foi collendo forma e comezou a dar concertos de forma habitual en locais e salas de Pontevedra. Despois de varios anos de experiencia, optaron por presentarse o Fest 2015, o concurso de bandas do Local de Música, resultando vencedores. Este triunfo permitiralles gravar o seu primeiro videoclip profesional, que acompañará moi pronto ao EP que acaban de editar.
A música deste grupo de indie pop componse tanto de cancións rítmicas e bailables como doutras onde a dinámica adquire máis protagonismo para ser o vehículo condutor cara a atmosferas máis intensas, sen reprimir o seu instinto máis rock nalgún dos seus temas. Todo iso primando sempre as melodías pops próximas e sen grandes artificios.
Neste concerto en Sala Karma, os pontevedreses estarán acompañados, ademais, doutras dúas bandas: os vigueses Dallasgracias e os ourensanos BestLife (UnderYourSeat).