A Reiboa acollerá o 6 e 7 de xuño a décima edición da Xuntanza de Gaiteiros Manuel Villanueva
Por Oskar Viéitez
Organizada pola Escola de Música Tradicional de Poio e a Concellaría de Cultura do Concello de Poio, os vindeiros 6 e 7 de xuño, terá lugar a décima edición da Xuntanza de Gaiteiros Manuel Villanueva.
Trátase do evento lúdico central da Escola de Música Tradicional de Poio, que se celebrará na Reiboa, na parroquia de San Xoán, ao carón da costa con moitos atractivos como o roteiro dos muíños da Freixa nun entorno natural privilexiado o que contribúe a facer máis agradable esta xuntanza.
Quenes participen desta xuntanza poderá desfrutar durante todo o día da boa música tradicional grazas á presenza das bandas de gaitas convidadas, acompañadas polos grupos da Escola de Música Tradicional de Poio.
Os organizadores tamén animan a que todos os músicos que asistan participen coas súas interpretacións.
Por outra parte, a romaría contará con postos gastronómicos de churrasco, empanada, polbo, arroces, bebidas... a prezos moi populares, e tamén de postos de artesanía e oficios tradicionais (cantería, forxa...)
Na noite do sábado, o escenario acollerá tamén propostas de música pop e rock. O concerto comezará ás 22:30 horas.
En edicións anteriores, foron máis de tres mil os veciños e visitantes que se achegaron a xantar ou cear, e máis dun centenar de músicos os que actuaron na Xuntanza de Gaiteiros Manuel Villanueva.
Hai que destacar a labor que realiza a Escola desde a súa fundación hai xa doce anos. Ademais da actividade docente continuada de instrumentos tradicionais, baile e cantareiras, leva a cabo ao longo do ano diversas actividades encamiñadas a recuperar, conservar e manter vivas a nosa música e as nosas tradicións, tendo como obxectivo a participación de persoas de todas as xeracións, desde os máis cativos ata os maiores.