A cantautora asturiana Sheila Patricia pecha o ciclo Domingos Musicais no Sexto
Por Redacción
O ciclo Domingos Musicais no Sexto pechará este domingo 14 de xuño unha nova tempada. Será co concerto da cantautora asturiana Sheila Patricia, finalista do Certame de Jóvenes Cantautores de Burgos e da pasada edición do concurso para cantautores “Santiautor” en Santiago de Compostela.
Será ás 19.30 horas e estará acompañada polo pianista Gabriel Peso. O concerto é de balde ata completar aforo.
Sheila Patricia é unha cantautora e intérprete cuxa vida transcorre no sur de Galicia. A influencia da súa nai, escritora e músico, e o seu pai, músico cantautor fixeron que os seus primeiros pasos estivesen acompañados de numerosos encontros con artistas de diferentes disciplinas e nacionalidades, do tamaño de Rafael Amor, César López ou Pedro Luis Ferrer.
Recibiu clases de solfexo, técnica vocal, canto moderno, así como de guitarra española, e tamén se formou, entre outras especialidades, en danzas tradicionais. Con 15 anos gravou en Cuba as súas primeiras demos e posteriormente colaborou na banda sonora para a película galego-cubana Sempre Habana. Creadora do grupo afeccionado Bela Lúa, que fusiona o folk galego con música melódica, tamén participou en diferentes certames e festivais como solista.
Despois de ser a voz solista do proxecto The magicmusic interpretando estándares de jazz, bossa, fados e música internacional, participou no proxecto Compostela Actúa dentro do Coro Moderno baixo a dirección de Pablo García e no 2014 involucrouse no proxecto Meu amigo que fusiona cantigas de Martín Códax con música moderna. Nos últimos anos dedícase a difundir o seu traballo como cantautora pola xeografía española e latinoamericana.
Actualmente está a traballar na gravación do seu primeiro disco que bautizará como El camino de los sueños e que verá a luz este ano.