Nancho Novo transfórmase en "El cavernícola" co monólogo que representará en Pontevedra
Por Redacción
El cavernícola, o monólogo máis representado da historia de Broadway, chega a Pontevedra. O auditorio de Afundación en Pontevedra acollerá o próximo sábado 20 de xuño, a partir das 21.00 horas, a función protagonizada polo actor coruñés Nancho Novo.
Cualificada por The New York Times como un "fenómeno único", El cavernícola foi escrita polo actor californiano Rob Becker durante máis de tres anos nos que realizou estudos informais de antropoloxía, prehistoria, psicoloxía, socioloxía e mitoloxía.
Coas súas particulares percepcións sobre o feminismo contemporáneo, a sensibilidade masculina e as zonas eróxenas, a obra achégase aos temas cotiáns das relacións de parella cun gran sentido do humor.
A obra foi representada dende a súa estrea en máis de 32 países e traducida a 16 idiomas. Só en Estados Unidos foi vista por máis de dous millóns de espectadores e, dende a súa chegada a España en 2009, representouse ininterrompidamente no Teatro Fígaro de Madrid, sumando máis de 1.300 funcións e 400.000 espectadores nas súas seis tempadas en cartel.
As entradas están dispoñibles a través de www.ataquilla.com ou ben no despacho telefónico no 902 504 500. Ademais, poderanse adquirir no recinto do espectáculo o propio día da función.