Cambados, Cotobade e Pontevedra acollerán cursos de verán da Universidade Menéndez Pelayo
Por Redacción
A Universidade Internacional Menéndez Pelayo e a Deputación de Pontevedra manteñen a súa aposta pola descentralización da oferta formativa, achegándoa o máis posible aos cidadáns. Con este obxectivo as localidades de Cambados, Cotobade e Pontevedra acollerán a oferta de cursos de verán da UIMP.
Arte e arquitectura en Cambados
O estudo do patrimonio arquitectónico e cultural de Cambados únense na primeira das actividades académicas que a Universidade Internacional Menéndez Pelayo vai desenvolver este ano na provincia. Trátase do curso Arte e Arquitectura en Cambados, que abrirá o programa de actividades o vindeiro 8 de xullo no Museo Etnográfico do Viño da man da directora da Rede de Museos do Concello.
A revolución de Aton en Exipto no Museo de Pontevedra
A segunda das actividades desenvolverase en Pontevedra. O director do Instituto de Estudos do Antigo Exipto de Madrid, Francisco Martín Valentín exporá a súas reflexións e teorías tralos últimos descubrimentos realizados sobre a historia do reinado de Aton e que poderían obrigar a reescribila.
O exiptólogo madrileño analizará A revolución de Aton en Exipto: antecedente e consecuencias no Museo Provincial de Pontevedra do 27 ao 29 de xullo.
Observación astronómica en Cotobade
Os fenómenos astrolóxicos propios do mes de agosto serán unha boa oportunidade para adentrarse no coñecemento desta ciencia na que calquera afeccionado pode desempeñar un papel moi activo. O seguemento de fenómenos como asteroides, cometas ou as chuvias de estrelas serán a base do curso impartido polo Director do Observatorio de Astronómico de Cotobade, Ángel Valverde Papillón para a Introducción á observación astronómica que se desenvolverá do 3 ao 7 de agosto no centro pontevedrés.