Comeza en Bueu a campaña de animación á lectura "Navegando entre libros"
Por Redacción
A Biblioteca Municipal de Bueu acollerá este sábado, a partir das 12:00 horas, a primeira sesión da Campaña de Animación á Lectura "Navegando entre libros" que, ata o 15 de outubro, ofrecerá seis actividades dirixidas a público infantil e familiar co obxectivo de incentivar o hábito lector dende os primeiros anos da infancia, e trasladar ao ámbito do fogar ese ambiente de lecturas compartidas. A narradora Olalla González e o ilustrador Marc Taeger ofrecerán unha sesión de ContaPintaContos que combinará a expresión oral e artística a partir dos relatos.
A Biblioteca de Bueu será tamén o espazo no que se realizará unha sesión de contacontos específica para bebés de 0 a 3 anos. Será o domingo 4 de outubro a partir das 12:00 horas, con prazas limitadas. Ademais de contos creados para esa franxa de idade, nos que destacan o colorido das ilustracións, os debuxos realistas e os materiais ríxidos para un mellor manexo, o repertorio tamén incluirá cancións, retrousos e xogos de xestos recuperados da tradición popular que cómpre seguir transmitindo para evitar a súa perda.
As actividades trasladaranse á Biblioteca de Beluso o mércores 7 de outubro, cunha sesión de ContaPintaContos ás 18:00 horas.
O xoves 8 ás 18:00 horas, na Biblioteca de Bueu, o debuxante Luis Davila impartirá un obradoiro de ilustración para nenos e nenas de 9 a 12 anos. O deseño dos personaxes, a caricatura como forma de expresión e a interpretación da realidade cotiá cun punto de vista imaxinativo serán as claves deste taller.
"Navegando entre libros" trasladarase á Biblioteca de Cela o sábado 10 de outubro, cunha sesión de ContaPintaContos a partir das 12:00 horas.
Por último, o xoves 15 Olalla González e Marc Taeger clausurarán a campaña de animación á lectura na Biblioteca de Bueu cunha última actividade de ContaPintaContos, ás 18:00 horas, para público familiar.
As persoas interesadas en participar nas sesións poden inscribirse no espazo infantil LoboCoxo de Bueu, a través do correo electrónico lobocoxo@gmail.com. O Concello de Bueu organiza esta primeira edición de "Navegando entre libros", coa colaboración da Xunta.