Volve a Pontevedra o ciclo Do Audible cun programa que mesturará música e astronomía
Por Redacción
Logo do verán regresa o ciclo de música contemporánea Do Audible, organizado pola Consellería de Cultura e Educación coa colaboración de Vertixe Sonora Ensemble. Retoma a súa actividade cun singular programa que mesturará a música coa astronomía o próximo martes 20 de outubro, ás oito e media da tarde, no Café Moderno de Pontevedra.
Baixo o título Incerteza, Ana Ulla Miguel, profesora titular do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo e especialista no estudo das estrelas, e o compositor Joan Bagés i Rubí, apaixonado da astronomía que compuxo unha sorte de cosmogonía sonora que actualiza as teorías máis avanzadas de explicación do universo, serán os protagonistas da sesión.
O colectivo Vertixe Sonora Ensemble -Alessandra Rombolà, frauta; Felipe Agell, clarinete; Pablo Coello, saxofón; Mario Peris, violín; Ailsa J. Regina, cello; David Durán, piano; e Diego Ventoso, percusión- interpretarán as composicións do compositor catalán.
Este concerto conta coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra e do Conservatorio Manuel Quiroga.
O ciclo Do Audible, que chegou este ano á súa terceira edición, busca poñer en diálogo a música coa arte, coa ciencia e co pensamento, mediante unha serie de concertos que se celebran en distintas cidades de Galicia e que permiten construír novas experiencias destinadas ao público xeral.