O Museo duplica as prazas para os obradoiros infantís de Samaín ante a avalancha de solicitudes
Por Redacción
O museo provincial duplicou o número de prazas do seu tradicional obradoiro de Samaín ante a avalancha de solicitudes recibidas e realizará dúas quendas de 16 rapaces e rapazas cada unha. As prazas ofertadas esgotáronse en apenas 20 minutos desde a apertura do prazo de inscrición quedando un número importante de solicitudes en lista de agarda, que non será posible atender por cuestións de espazo e de recursos humanos do gabinete didáctico do Museo, que é o encargado de realizar esta actividade.
Nesta edición, o programa de Samaín do Museo leva por título 'Paseando entre caveiras' e inclúe, na xornada de mañá, os obradoiros infantís que se celebrarán os días 30 e 31 de outubro en horario de 10:30 a 13 horas.
O obxectivo é traballar a imaxe das caveiras desde o mundo da arte entre os máis cativos, despoxándoas de dramatismo e de connotacións negativas. Para isto realízase unha actividade inicial que se enfoca como unha xincana, cun percorrido guiado a través das salas do Sexto Edificio na procura de obras nas que a caveira estea presente. Para isto os rapaces contarán coa axuda tanto das monitoras como de pistas colocadas estratexicamente polas salas e material impreso co que irán xogando e coñecendo de maneira lúdica as obras e o seu contexto.
Na segunda parte do obradoiro, as e os participantes crearán e decorarán a súa propia caveira, para o que se lles proporcionará modelos baseados na arte e con gran presenza de inspiración en máscaras mexicanas, que se caracterizan pola súa riqueza cromática e gran vistosidade. Na quenda do venres participaran crianzas de 5 a 8 anos, e na do sábado de 9 a 12 anos.
O programa continúa na tarde do venres, ás 18 horas, coa proxección do filme de animación de Tim Burton "A noiva cadáver', que terá lugar no salón de actos do Sexto Edificio e que está destinada a todos os públicos.
Posteriormente, ás 19 horas, realizarase unha visita guiada e comentada polas diferentes salas do Sexto Edificio nas que se atopan obras nas que a iconografía da caveira está representada. Na visita, as persoas participantes poderán coñecer os conceptos artísticos e o contexto e detalles das obras de arte escollidas para este percorrido temático.