Unha exposición na Biblioteca lembra ao mellor poeta obreiro galego do século XX
Por Redacción
O mércores, 4 de novembro, abriuse ao público na Biblioteca Provincial de Pontevedra “Antonio Odriozola" a exposición Manuel Rodríguez López, sobre a vida e obra do escritor de Paradela, fillo predilecto dese concello, e que da nome á Casa municipal de Cultura e ao certame literario do que se está a celebrar a XX edición.
A mostra forma parte do Proxecto Manuel Rodríguez López emprendido por Galicia Digital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Xunta, a Deputación Provincial de Lugo e a Real Academia Galega.
Esta mostra itinerante comezou o seu percorrido na casa da cultura de Paradela para logo expoñerse en Lugo, Begonte, Portomarín, Sarria, Vilalba, Santiago, A Coruña, Barcelona, Madrid, na Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, na Biblioteca Anxo Casal de Compostela, na Casa das Palabras de Guitiriz, no Concello de Meira e no Antigo Hospicio do Ferrol.
Está composta por oito paneis dobles, nos que se reflicte de xeito moi gráfico a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Catalunya a maior parte da súa obra, e foi, ademais dun grande animador das actividades galegas en Cataluña, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes no país catalán.
A exposición, que permanecerá en Pontevedra ata finais do mes de novembro, foi inaugurada polo secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, ao que acompañaban a viuva do escritor, Irene López; o deputado provincial de Cultura e Normalización Lingüística de Pontevedra, Xosé Leal Fariña; o alcalde de Paradela, Xosé Manuel Mato; o presidente do Centro Galego de Barcelona, Manoel Carrete; a directora da Biblioteca pontevedresa, Pilar Fernández Ruiz; o musicólogo paradelense, Xesús Mato; o escritor Xulio Xiz, e o director de Galicia Digital, José Antonio Giz.