A Praza de España acolle a exposición "El Ártico se rompe"
Por Redacción
Se non existise un polo norte, o noso planeta sería tan diferente que non o poderiamos recoñecer. Esa é unha das ideas que traslada a exposición "El Ártico se rompe", que acollerá a Praza de España do 18 de novembro ao 12 de decembro.
Esta mostra itinerante ten por obxecto mostrarnos a singularidade do ecosistema ártico, explicarnos o importante papel que xoga no clima global e descubrirnos as súas características e a súa biodiversidade.
A exposición ten como punto forte as sensacionais fotografías de Andoni Canela, un prestixioso fotógrafo da natureza que viaxou por todo o territorio ártico e tráenos imaxes de total actualidade.
Con esta mostra, a Obra Social La Caixa desexa contribuír ao programa Ciencia en Sociedade, mediante a divulgación científica sobre un ecosistema concreto en perigo: o Ártico. Da mesma forma, tamén quere promover o pensamento crítico e sensibilizar sobre un problema ambiental importante: os efectos do cambio climático no Ártico e as consecuencias para o resto do planeta.