Máis de 8.000 persoas visitan no Museo a exposición "Senso Sublime" de Sergio Portela
Por Redacción
A exposición 'Senso Sublime', que desde o pasado 23 de setembro se podía visitar no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, pechou as súas portas tras recibir máis de 8.000 visitantes. Deles, case un cento de persoas participaron nas visitas guiadas polo autor da mostra, o pontevedrés Sergio Portela.
'Senso Sublime' reuniu máis de 70 obras de diferentes épocas da traxectoria artística de Sergio Portela nas tres salas dedicadas ás exposicións temporais, con preto de 30 esculturas, 20 cadros e máis de 20 fotografías. Na mostra tivo un importante peso o proceso artístico ao redor da creación escultórica, cunha sala dedicada case en exclusiva a este aspecto.
Nas outras dúas salas, o percorrido centrábase na traxectoria pictórica e fotográfica do autor, aínda que a escultura mantiña unha importante presenza.
A mostra estivo comisariada por Antón Sobral e por Patricia Trigo.
Ademais da exposición en si, desde o Museo programáronse unha serie de actividades paralelas para facer máis accesibles os contidos a todo tipo de públicos.
Así, puxéronse en marcha tres obradoiros para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 7 e os 12 anos e cuxas prazas se completaron nas tres sesións.
Os obradoiros levaban por título 'A pátina do tempo' e permitiu que os 34 rapaces que participaron en total puidesen coñecer os diferentes metais empregados na escultura, traballando con distintas técnicas pictóricas que imitan o efecto dos metais, para familiarizarse coa obra escultórica do artista, ao tempo que participaron nunha visita á exposición para coñecer máis polo miúdo a súa obra e a súa traxectoria.