Tina Sainz, actriz: "El hijo de la novia es como la vida misma, en donde el humor y el dolor van de la mano"
Por Alejandro Espiño
Adaptar ao teatro unha película tan coñecida como El hijo de la novia non é tarefa fácil. Os seus propios protagonistas recoñecen que, ás veces, entre o público as comparacións son inevitables. Pero esta nova versión, que se representará en Pontevedra este mércores 16 de decembro ás 20.30 horas no auditorio de Afundación, promete ser unha comedia "estupenda" ante a que o público "estará entusiasmado".
Así a describiu, nada máis comezar a rolda de prensa de presentación, a actriz Tina Sainz. Nela recae o reto de encarnar a Norma, unha muller con Alzhéimer que é ingresada nunha residencia, lugar que cambiará a súa vida -e a de toda a súa familia- por completo. Asegura que, cando recibiu a oferta para encarnar a este personaxe, "me entró pánico escénico" ao retomar un papel que no cine fixera a "gran actriz" Norma Ruiz.
Pero tras unha conversación con Héctor Alterio, protagonista da película dirixida por Juan José Campanella, "se me quitaron todos los miedos", segundo afirmou. "Le conté que estaba muy asustada por la responsabilidad de hacer un papel que había hecho Norma. Él me dijo, tranquila, yo estoy haciendo de Henry Fonda -en referencia a su trabajo en la obra En el estanque dorado-", lembrou entre risas.
O texto teatral, adaptado polos creadores da película, ofrece "otro punto de vista" da historia, aproveitando que sobre o escenario os seus actores "tenemos un medio de expresión diferente al cine", destacou Tina Sainz.
El hijo de la novia, apuntou, é unha comedia "como la vida misma", coas súas doses de dureza emocional, porque, tal e como sinalou a veterana actriz, a comedia "siempre ha sido mucho más que la risa por la risa o los monólogos, es El Apartamento de Billy Wilder, historias en donde las emociones se cruzan, en donde el humor y el dolor van de la mano", e precisamente esta montaxe teatral "es una obra que transmite eso".
Xunto a Tina Sainz, o elenco inclúe a outra das grandes figuras da escena española, Álvaro de Luna, así como a Juanjo Artero -que interpreta a Rafa, o fillo da protagonista, un home inmerso nunha terrible crise económica e de valores que dedica 24 horas ao día para sacar adiante o restaurante fundado polo seu pai-, Mikel Laskurain e Dorleta Urretabizkaia.
Estes dous últimos tamén acudiron a Pontevedra a presentar esta obra e dos dous Tina Sainz non emitiu máis que eloxios ao destacar que "me alegro mucho de trabajar con ellos porque son dos actores excepcionales" e cuxo talento "engrandece la historia". Para ambos, sinalaron, "compartir escenario con ellos -con Tina y Álvaro- es un lujo".
As entradas para asistir á representación de El hijo de la novia en Pontevedra pódense adquirir en www.ataquilla.com e no teléfono 902 504 500.