Reabre a Sala de Investigación do Museo, pechada por decisión política
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Este xoves 7 de xaneiro a Sala de Investigación, situada no Edificio Fernández López, abriuse de novo ao público de luns a venres de 8:30 a 14:30 horas.
Nela sirvense os fondos correspondentes á biblioteca, á hemeroteca e aos arquivos gráfico e documental do Museo de Pontevedra.
O peche desta Sala produciuse por unha "decisión política non apoiada polos técnicos", segundo explicou o Director do Museo, Carlos Valle.
"Unha decisión tomada ás costas de min coma Director e da práctica totalidade do equipo técnico do Museo. Enterámonos por unha resolución presidencial e dixémoslle que non tiña sentido", declarou Carlos Valle.
A deputada popular Ana Isabel Vázquez, responsable política do Museo no último goberno presidido por Rafael Louzán, decidiu trasladar a sala de consulta do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, na Rúa Pai Amoedo.
Este cambio suscitou un aluvión de críticas, entre eles da asociación Amigos do Museo de Pontevedra, cuxo portavoz Ernesto Vázquez-Rei Farto, celebrou a reapertura das instalacións nas dependencias no Edificio Fernández López.
Agora o novo deputado responsable de cultura, Xosé Leal, sinalou que o goberno provincial PSOE-BNG, revoga aquela decisión.
Carlos Valle lembrou que o arquivo documental do Museo arrincou de maneira simultánea á fundación desta institución no ano 1927. A día de hoxe reúne 6.000 títulos de publicacións seriadas e máis de 150.000 rexistros bibliográficos, ademais de valiosos mapas e planos, entre outras obras de referencia.