"Panoramas en Taipei", novo ciclo de cinema na Casa das Campás
Por Redacción
"Panoramas en Taipei", un documental Taiwanés contemporáneo, é o novo ciclo de cinema que a Vicerreitoría do Campus coa colaboración da División Cultural da Oficina Económica e Cultural de Taipei en España, estrean este xoves 11 na Casa das Campás e que termina o 10 de marzo.
O documental mostra varios temas, desde o día a día dos traballadores dos campos de arroz da rexión de Tainan, ata as consecuencias do "terror branco" do réxime de Chiang Kai-shek. "Queriamos empezar esta colaboración cun ciclo que nos dese diferentes visións deste país para a xente que non o coñecemos", informaba Manuel Morquecho, responsable de Extensión Cultural do campus.
O primeiro filme proxectado narra a historia dun coro escolar nun centro de primaria de Bunun, unha comunidade aborixe do centro da illa. Sete días despois, exhibirase unha película sobre dous nenos que non se coñecen pero cuxas vidas están ligadas polo Doutor Chen, pai dun e médico doutro. A terceira proxección, o 25 de febreiro, será sobre un sindicalista que permanece encarcerado durante 15 anos, vítima do chamado "terror branco" que instalou a ditadura de Chiang Kai-shek.
O 3 de marzo emitirase outro filme sobre como a illa viviu durante 40 anos baixo a lei marcial, recollida nos testemuños de varios soldados. E, por último, o 10 de marzo péchase o ciclo cunha cinta que narra a historia de catro agricultores que traballaron durante décadas nos campos de arroz de Tainan.
Todas as películas proxectaranse en versión orixinal con subtítulos en castelán. Trátase dun ciclo de entrada libre, que terá as súas sesións os xoves ás 20:00 horas, complementando así o ciclo de cinema "Eloxio do instante" integrado tamén na programación do campus, pero emitido os venres.