Volve 'Jazz no Principal' con concertos de Rale Micic e Raynad Colom
'Jazz no Principal' regresa ao Teatro de Pontevedra para encher a sala coa música dos artistas Rale Micic e Raynald Colom, xunto co SPJ Group. A organización corre a cargo do Seminario Permanente de Jazz (SPJ) de Pontevedra, que este ano cumpre 15 anos, e o Concello. A Anxos Riveiro, concelleira de Cultura, acompañárona Luís Carballo e Paco Charlín, representantes e coordinadores do SPJ, na presentación do evento durante a mañá deste xoves 3.
Este ciclo, que alcanza así a súa XII edición, "permite xerar unha gran canteira de músicos, convertendo á cidade do Lérez nun expoñente dentro do panorama internacional do jazz", manifestou Luís Carballo. A edil declarou que se trata dun "proxecto formativo que permite achegar o mundo do jazz aos mozos".
O sábado 5 de marzo subirá ao escenario Rale Micic, guitarrista serbio con gran recoñecemento na cidade dos rañaceos, Nova York, pola súa combinación da música balcánica e jazz. Nesta cita musical, acompañaranlle mestres do seminario: Abel Rábade no piano, Paco Charlín no contrabaixo e Max Gómez na batería.
O francés, Raynald Colom, actuará o sábado 12 de marzo xunto co SJP Group. O artista logrou un gran recoñecemento a nivel europeo polo seu traballo, compartindo escenario con músicos do calibre de Perico Sambeat, Antonio Serrano ou Louis Stewart, entre outros. Os asistentes poderán gozar das cancións do músico francés e dalgunhas composicións propias dos alumnos do seminario, co que se pretende conseguir que "os estudantes expresen tamén as súas ideas a través da linguaxe musical do jazz", declarou Paco Charlín.
Ambas as citas comezarán ás 21.00 horas, e as entradas poderán adquirirse a través de ataquilla.com, por un custo de 5 euros para o público en xeral e 3 para estudantes, parados e xubilados.
Os amantes do jazz tamén poderán gozar do 'Obradoiro SPJ', que se celebrará os mesmo días dos concertos en horario de 11.00 a 14.00 horas, no antigo conservatorio. A entrada será de balde e ao termo do obradoiro os asistentes recibirán un diploma acreditativo. Os representantes do seminario explicaron que se trata de conseguir que estes profesionais do jazz ábranse "no campo pedagóxico".
Relacionadas:
-
Jazz no Principal remata coa actuación de Raynald Colom
Por Diego Torrado |
-
Rale Micic inaugura a nova tempada de Jazz no Principal
Por Redacción |
-
Remate galego e subversivo para o Festival Internacional de Jazz e Blues
Por Redacción |
-
100 discos de jazz, que xurden do Seminario Permanente
Por Redacción |
-
Jazz no Principal baixa o pano cun animado recital de Horacio Fumero
Por Diego Torrado |