As escolas de música de Cambados e Sanxenxo intercambiarán experiencias
Por Redacción
O Pazo Emilia Pardo Bazán acollerá este sábado 16 de abril unha xornada de convivencia entre a Escola de Música Municipal de Sanxenxo e a Escola-Conservatorio Municipal de Cambados.
Os alumnos participantes son de idades comprendidas entre os 9 e os 14 anos e os obxectivos desta iniciativa son fomentar o traballo en grupo entre o alumnado das dúas escolas municipais, alentar actividades que propicien a amizade entre os nenos de distinta procedencia, interpretar pezas de maneira conxunta baixo a dirección de profesores distintos aos habituais e intercambiar ideas musicais, educativas e vivencias.
O programa da xornada de convivencia baséase fundamentalmente en ensaios parciais e conxuntos das dúas formacións durante todo o día para logo finalizar cun concerto das dúas agrupacións coas obras ensaiadas durante a xornada e que estará aberto ao público.
A xornada comezará ás 10.30 horas coa presentación do profesorado e alumnado, continuará con ensaios parciais co profesorado do outro centro e tras un breve descanso ás 13.15 horas haberá un ensaio conxunto con todo o alumnado.
Tras a comida, sobre as 16 horas, terá lugar un ensaio xeral por parte de cada escola e ás 18.30 será o concerto tras o que haberá un pincho de despedida.