Fernando Tejero: "Atchúusss!!! é como unha pequena caixa de música que abre e dela saen cousas moi bonitas"
Por Alejandro Espiño
Summum Teatro despídese por esta tempada. E faio coa representación da obra Atchúusss!!!, un dos espectáculos de maior éxito deste ano. Trátase dunha comedia baseada en textos humorísticos de Antón Chéjov e protagonizada por Fernando Tejero, Adriana Ozores, Malena Alterio, Ernesto Alterio e Enric Benavent. Poderase ver este venres 3 de xuño, a partir das 21.00 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Co primeiro deles falamos en PontevedraViva deste espectáculo e dunha carreira na que, actualmente, quere darlle prioridade ao teatro. "A min cada vez gústame máis o teatro. De feito, quero montar unha compañía", asegura un Fernando Tejero (Córdoba, 1967), que se mostra encantando con volver a Galicia, terra na que rodou a súa primeira película, Los lunes al sol, un traballo que aínda lembra con moito agarimo.
Catro citas en Galicia nos próximos días -Vigo, Pontevedra, Narón e A Coruña-, como afrontades esta viaxe ao norte?
Con moita ilusión. Imos cunha función marabillosa e a xira está a ter moito éxito. Hai que recoñecer, iso si, que Galicia é unha terra fantástica. Falo por min, pero seguro que os meus compañeiros pensan igual. Estou encantado de volver, porque teño moi bos recordos de Galicia. En Vigo rodei a miña primeira película -Los lunes al sol- e logo volvín para gravar El camino de Santiago. Sempre que fun tratáronme moi ben. E ademais nos dixeron que fai moi bo tempo (ri)... e cómese fenomenal. Estamos a desexar chegar.
Que esperades da representación en Pontevedra?
Esperamos que a función guste e a xente veña a vernos. Alá onde imos esgotamos as entradas e ofrecemos un espectáculo moi bonito no que facemos unha pequena homenaxe ao teatro e ao autor dos textos que adaptamos, Anton Chejov. O que estou seguro é que os que se animen a acudir ao teatro van rir moito.
Como chega Fernando Tejero a Atchúusss!!!?
Hai anos o director da obra, Carles Alfaro, chamoume para o Clásico e non puiden traballar con el porque tiña outros compromisos. Quedoume esa espiña porque o admiro moito, así que cando puiden ofrecinlle facer algo xuntos. Propúxome varios autores e decidinme por Chejov. El xa adaptara outros textos dese autor, traballouno moito e entende perfectamente a súa linguaxe. Iso era unha garantía, un punto de partida moi importante.
Adaptar pezas dun autor tan popular como Chejov é todo un reto, non?
É unha gran responsabilidade. Chejov é un autor moi respectado e complicado de adaptar, aínda que neste caso sexan pezas pouco coñecidas. Son da súa primeira época, da que se di que el renegaba. Era un autor marabilloso, un tipo adiantado ao seu tempo. Todo o que conta segue tendo moita vixencia. Depende moito do oficio de cada director e Carles sabía que é o que quería contar e como facelo. É un espectáculo moi bonito.
Cal é o punto de partida de Atchúusss!!!?
A obra baséase no ocaso dun actor que traballou toda a vida no teatro e que o deixou por amor. El vai rememorando a súa vida a través das diferentes funcións que representou e somos nós os que levamos ao escenario ditas obras. Son en total cinco historias de Chejov e cada un dos actores que estamos na representación, facemos varios personaxes. Para nós é un reto, pero tamén é moi gratificante.
Xunto a ti, na obra podemos gozar de grandes talentos como os de Malena Alterio, Ernesto Alterio, Adriana Ozores e Enric Benavent. Case nada...
"Ao principio todos pensamos que isto ía ser Madrid e pouco máis. Pero estamos todos moi a gusto e tan contentos que non pensamos en deixalo"
E o que sorprende é que aguantásemos tanto tempo (ri). Ao principio todos pensamos que isto ía ser Madrid e pouco máis. Pero estamos todos moi a gusto e tan contentos que non pensamos en deixalo. Levamos unhas 130 funcións nun ano e as que nos quedan. Seguiremos ata marzo do ano que vén.
Interpretades historias dramáticas, pero acabades arrincando sonoras gargalladas ao espectador. Como é iso?
Este señor -Chejov- xogaba moito coa condición humana. El era médico e coméntase que posiblemente as enfermidades que padecen todos os personaxes destas historias son as que tiñan os pacientes que pasaban pola súa consulta. Así, todos os seus protagonistas son persoas que teñen un trastorno psicolóxico. Hoxe en día sería algo que quizá non lle chamase tanto a atención porque todos estamos un pouco tocados.
Pero claro, ris do que estás a ver e de súpeto pensas como me podo estar a rir disto. Eu considero que temos que tomarnos a vida co maior sentido do humor do que o facemos normalmente. Estamos nunha época un pouco rara, por chamalo dalgunha maneira, e vénnos ben rirnos. E se ademais de rir, a obra faite pensar e non te deixa indiferente pois moito mellor.
Ademais, a escenografía e o vestiario axúdanvos a recrear ese ambiente.
Temos unha posta en escena moi minimalista, con espellos a través dos cales se ve a trastenda da obra... ata como nos cambiamos. Hai música en directo, composta por Mariano Martín e que interpreta ao piano Ernesto Alterio que ademais de actor é un músico extraordinario. E o vestiario de María Araujo é precioso, inspirado no mundo de Tim Burton. É como unha pequena caixa de música que se abre e dela saen cousas moi bonitas.
Nótase que estás moi ilusionado con este proxecto. Sénteste cómodo no teatro?
A min cada vez gústame máis o teatro. De feito, quero montar unha compañía. Teño xa pensado o espectáculo que quero facer cando termine leste. Este ano fixen o que ata hai pouco era impensable. Agustín Díaz Yanes quería contar comigo para Oro, a súa nova película, e rexeiteina por esta función. E tamén unha serie para Telecinco con Paz Vega que se está rodando agora en Barbate.
Compaxinas Atchúusss!!! coa rodaxe de La que se avecina, unha das series de maior éxito da televisión. Como fas para afrontar dous traballos tan esixentes ao mesmo tempo?
Con moito esforzo. A verdade xa me pasara unha vez antes. Estaba coa compañía Animalario en Barcelona e rodaba unha película en Madrid. Chegou un momento que o corpo me dixo ata aquí e tiven que parar. Agora non me pasou, pero hai momentos que si digo "miña nai". Entras nunha espiral de non descansar e chegas a mirarte no espello e pensar que é o que estás a facer coa túa vida.
Como é ese día a día de Fernando Tejero?
"Imos esperar a ver que pasa nas próximas eleccións. Tanto se quedan os que están coma se entran outros novos, espero que mostren un maior interese pola cultura deste país"
Pois pola semana gravaba a serie, aínda que agora xa terminamos a tempada, e a obra tiña funcións entre semana e as fins de semana. Apenas tiña descanso. Non recomendo a ninguén que o faga durante moito tempo. Un par de meses está ben. Aínda que claro, a min me gusta moito o que fago en televisión e no teatro e iso tamén axuda. Pero teño claro que hai momentos nos que hai que parar, pídecho o corpo e tamén a cabeza.
De todos os xeitos, estás contento.
Si, estou moi contento. Pero tamén é porque a idade dáche serenidade. Teño unha carreira preciosa coa que aprendo cada día e con cada proxecto que fago. Estou sen dúbida nunha boa etapa da miña vida, probablemente a mellor.
E iso que a cultura parece que segue sen saír da crise?
E será complicado que o consiga se neste país á cultura se lle sigue tratando desta maneira por parte dos señores que nos gobernan. O 21% de IVE é un maltrato á cultura, por non falar doutras cousas. Se nolo quitan, iso si nos axudaría a recuperarnos. Agora mesmo, os actores e os técnicos cobran, por suposto, pero a nivel de produción case é o comido polo servido. E eu entendo que a xente se queixe e que diga que as entradas son caras, pero é debido ao IVE.
E albiscas algunha solución?
Imos esperar a ver que pasa nas próximas eleccións. Tanto se quedan os que están coma se entran outros novos, espero que mostren un maior interese pola cultura deste país. Ata agora non o estiveron facendo ben. A ver se se poñen as pilas porque se seguimos así será moi complicado levantar unha produción teatral.
Neste panorama, cales son os teus próximos proxectos?
O máis inmediato é De púrpura y escarlata, unha película de Juanra Fernández que se leva atrasando dous anos e que parece que empezaremos por fin a rodala en outubro, e outro proxecto de televisión cos irmáns Caballero -creadores de La que se avecina-, algo que nos apetece moito facer. E unha exclusiva que che dou. Teño en mente montar Las criadas con Ernesto Alterio e Nathalie Poza. Fareino cando acabemos con Atchúusss!!!.
Relacionadas:
-
Summum Teatro volverá en outubro con catro novas funcións e estreará un sistema de abonos
Por Natalia Puga |
-
Atchúusss!!!, divertido peche para o ciclo Summum Teatro
Por Diego Torrado |
-
'Losers (Perdedores)' arrinca gargalladas no Pazo da Cultura
Por Mónica Patxot |
-
Ana Obregón, Fernando Tejero, Ernesto Alterio ou María Pujalte para un trimestre teatral "ben divertido"
Por Alejandro Espiño |