O SonRías Baixas e Rei Zentolo unen as súas forzas na XII edición do festival
Por Redacción
A Asociación Troula na Banda, organizadora do Festival SonRías Baixas, e a empresa pontevedresa Rei Zentolo suman as súas forzas cun innovador acordo de colaboración. Baseándose en valores intrínsecos ao Festival, como son a música, a praia, o mar, o sol, o entorno urbano, a acampada ou a diversión, Rei Zentolo actualizou o logo do SonRías Baixas e deseñará, en datas próximas, o cartaz e o material promocional.
Rei Zentolo, empresa coñecida por deseñar camisetas e complementos cunha orixinal mestura de cultura popular galega e estética do pop art anglosaxón, convírtese, así, en punto de venda oficial de entradas e distribuidor exclusivo do merchandising oficial do SonRías Baixas, que deseñará, fabricará e comercializará nas súas tendas e franquicias.
Durante a celebración do Festival, Rei Zentolo desprazarase ata Bueu para instalarse no recinto, onde venderá produtos do SonRías Baixas e os seus propios. Tamén distribuirá entradas do evento nas súas tendas e franquicias e venderá, en exclusiva, a camiseta desta edición.
O SonRías Baixas celebrará a súa XII edición os días 2 e 3 de agosto no Recinto Multiusos da Estacada, en Bueu (Pontevedra). A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do Festival, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do estado.
Co slogan "de Festivaleros para Festivaleros" por bandeira, a organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles.
A Asociación Troula na Banda, organizadora do evento, e o Concello de Bueu están ultimando un plan de melloras conxunto para que o Festival, que o ano pasado congregou a máis de 15.000 persoas e supuxo para a vila un impacto económico directo de máis dun millón de euros, "poida seguir medrando en calidade e en comodidade para o público sen perder a súa identidade".
Relacionadas:
-
Máis de 100 bandas emerxentes 'pelexarán' por lograr o favor do público e participar no SonRías Baixas
Por Alejandro Espiño |
-
O punk dos británicos The Toy Dolls e o ska dos italianos Talco, primeiras confirmacións do SonRías Baixas 2013
Por Alejandro Espiño |
-
O Festival SonRías Baixas medra para mellorar
Por Oskar Viéitez |