As ruínas de San Domingos suman máis de 4.500 visitas en cinco días tras a súa reapertura
Por Redacción
4.583 persoas achegáronse xa ás Ruínas de San Domingos no primeiros cinco días desde que se reabriron ao público, despois de que este monumento levase tres anos pechado con motivo das obras de consolidación precisas para garantir a seguridade do edificio, segundo informan desde a Deputación de Pontevedra.
O deputado provincial de Cultura Xosé Leal entende que se trata duns recursos culturais moi demandados e moi valorados polas persoas que visitan tanto a cidade como a súa contorna.
Durante a primeira semana do mes de agosto, o Museo de Pontevedra contabilizou un total de 6.401 visitas entre os edificios visitables e as actividades organizadas para difusión do patrimonio cultural e artístico.
A inauguración da mostra das 36 obras gañadoras do Certame Novos Valores tamén foi outro dos puntos importantes dentro das actividades promovidas pola Deputación Provincial. As salas de exposición temporais da Facultade de Belas Artes e da Escola Superior de Conservación e Restauración onde se mostran estes traballos foron visitadas por máis de 260 persoas.
Tamén a mostra 'Meu Pontevedra', dedicada á figura de Castelao no Sexto Edificio foi visitada por 1.295 persoas nunha semana. Permanecerá aberta ao público ata o 11 de setembro e nela pódense ver máis de 400 obras da traxectoria do autor de Rianxo durante a súa estancia en Pontevedra.