O profesor de Belas Artes, Ignacio Pérez-Jofre clausura o espazo físico da Mambo Gallery
Por Redacción
O vindeiro venres 23 de setembro ás 20:30 horas terá lugar a inauguración Las Cosas, unha exposición do profesor da facultade de Belas Artes de Pontevedra, Ignacio Pérez-Jofre.
Antes de pechar o seu espazo físico inaugural, a Mambo Gallery ofrece a oportunidade de ver unha exposición que recolle un traballo de varios anos, durante os cales Pérez-Jofre centrouse na observación de obxectos da súa contorna próxima, o que deu lugar á serie As cousas.
Segundo explica a reseña oficial da mostra, "a elección dun motivo é un momento crítico para un pintor figurativo. Evitando o exhibicionismo técnico e as convencións do xénero, Ignacio presenta as cousas na súa dobre natureza paradoxal: como entes próximos, vinculados á persoa que os usa e como seres enigmáticos, encerrados en si mesmos".
"Na exposición hai unha pequena lámpada que ilumina un recuncho gris e estraño; é tan discreta que podería non estar, pero a súa presenza sutil fai que ese recuncho e o espazo que o rodea cambie por completo. Así, esa lámpada adquire un sentido que a converte en necesaria e única. Tanto como calquera de nós", apuntan desde a Mambo Gallery.